A maior conserveira galega disparou os seus beneficios. Aínda que non co negocio polo que é máis coñecida, senón grazas aos seus activos enerxéticos. Jealsa pechou o pasado exercicio con ganancias de 49,4 millóns, 29 veces máis que os 1,7 millóns que gañou en 2021. Tan destacado incremento débese ao alleamento do negocio eólico que o grupo tiña en Chile.
Segundo recolle Economía Digital en decembro do ano pasado, Jealsa vendeu a Engie os parques eólicos San Pedro I e San Pedro II, situados en 1.112 hectáreas de terreo na provincia de Chiloé, na rexión dos Lagos. O traspaso inclúe 101 megawatts en operación e un proxecto en desenvolvemento con capacidade por instalar ata 151 megawatts máis. Eran os únicos parques operativos da conserveira no país suramericano, onde ten en desenvolvemento outros dous proxectos renovables, pero hidráulicos.




