
O alcalde, José Ramón Romero, fixo entrega esta mañá á “Asociación de Ayuda a Niños Oncológicos de Galicia” do cheque coa cantidade recadada no Torneo Solidario Interparroquial celebrado o 5 de agosto. No acto de entrega estiveron tamén Lara Buig e Víctor Rodríguez, da organización do evento; Cristian Lago, en representación da Asociación Boirense de Empresarios; e Mar Bermúdez, en representación de ASANOG, xunto con outros organizadores.
O torneo celebrouse o sábado 5 de agosto no campo de fútbol municipal de Vista Alegre con 8 equipos mixtos, un por cada parroquia, e patrocinados cada un por un local de hostalaría. “Dende a ABE queremos agradecer á organización polo seu traballo e tamén a implicación dos locais e empresas que colaboraron nesta causa”, afirmou Cristian Lago.
Despois da fase de grupos disputáronse as semifinais e a final entre Boiro e Lampón, sendo o equipo de Escarabote o gañador do torneo. “Dende a organización estamos moi satisfeitos coa recadación obtida que supón unha gran axuda para ASANOG pero especialmente coa implicación de todas as persoas que axudaron a desenvolver o torneo, ás empresas e entidades que colaboraron con doazóns e medios e con todos os veciños e veciñas de Boiro que aportaron o seu gran de area e lograron que pasaramos unha tarde moi entretida e que conseguiramos esta cantidade”, afirmaron dende a organización Lara Buig e Víctor Rodríguez.
Durante a tarde sorteáronse máis dun centenar de agasallos entre as rifas vendidas durante o torneo e tamén en todos os negocios participantes. A recadación da venda de rifas e doazóns feitas ascende a un total de 11.337,86 euros que esta mañá se entregaron á Asociación de Ayuda a Niños Oncológicos de Galicia (ASANOG). O alcalde, José Ramón Romero, parabenizou o traballo da organización e de todas as persoas que aportaron o seu gran de area: “Unha vez máis a xente de Boiro mostra a súa solidariedade cando se trata de colaborar cunha boa causa como esta que favorece que ASANOG poida seguir axudando ás familias”.
A Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia ten como finalidade prestar apoio e asistencia ás familias de nenos oncolóxicos.
“Iniciativas como esta son moi importantes para ASANOG xa que nos permiten seguir axudando ás familias de nenos oncolóxicos, unha axuda fundamental e moi necesaria en momentos moi difíciles”, afirmou Mar Bermúdez en representación de ASANOG.



