A Xunta instalará placas solares no IES Fontexería, o IES Campo de San Alberto e no CIFP Coroso

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visitou o Instituto IES A Xunqueira I de Pontevedra, onde comprobou o resultado das obras de rehabilitación integral deste centro, que se van complementar coa instalación de placas fotovoltaicas de consumo, e informou das vindeiras actuacións análogas noutros centros. Román Rodríguez anunciou que a Xunta de Galicia vén de licitar a instalación de placas solares en 61 centros en toda Galicia, para o que investirá un total de 1,7M€. Están incluídos na listaxe de centros o IES Plurilingüe Fontexería (Muros), o IES Campo de San Alberto (Noia) e o CIFP Coroso (Ribeira).

“Con elas prevemos un aforro medio do 30% do consumo, cifra que variará en función do gasto enerxético de cada un. De feito, neste centro a redución podería ser incluso algo superior”, indicou. Desta maneira, lembrou, “avanzamos nun dos obxectivos principais do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que é o de acadar uns centros educativos máis eficientes e respectuosos co medio ambiente”. O custo medio de cada instalación fotovoltaica é de 28.000€, importe que varía lixeiramente en función do centro.

A tres semanas do inicio das clase, Román Rodríguez destacou a gran actividade en obras este verán e avanzou que o seu departamento traballa intensamente nos preparativos do vindeiro curso escolar, previsto para o 11 de setembro. En total, a Xunta está a impulsar 444 obras de mellora en 305 centros educativos de Galicia, o que supón 87 actuacións máis que o pasado 2022. O orzamento é de 76,5M€, un 19% máis.