A DXT inicia este luns en Galicia unha campaña especial de control de consumo de alcol e drogas

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) comeza este luns unha campaña especial de control de consumo de alcol e drogas entre os condutores en Galicia que se estenderá ata o vindeiro domingo, 20 de agosto.

Os axentes intensificarán os controis de alcoholemia e presenza de drogas nas estradas de Galicia co obxectivo de diminuír o consumo de alcol e drogas ao volante.

Na mesma campaña especial desenvolta o ano pasado entre o 8 e o 14 de agosto, a Garda Civil realizou 41.519 controis de alcoholemia en Galicia, dos que 641 foron positivos.

Tamén efectuou 224 controis de drogas, con 151 positivos. Ademais, a 34 condutores instruíronselles dilixencias para o seu posterior traslado á autoridade xudicial por delitos contra a seguridade viaria.