O Concello da Pobra da Caramiñal, a través da súa Área de Cultura, compartiu a súa axenda de actividades para este inicio do mes de agosto: un espectáculo infantil no Cantón da Leña cos animais de A Granxa e un actuación musical de De Vacas.

Xoves 3 de agosto ás 20.30 h no Cantón da Leña. Espectáculo infantil A Granxa-Baila e Canta coa Granxa.
O show infantil A Granxa ofrécenos un percorrido musical en directo polos temas mais famosos da discografía infantil. Haberá unha morea de bailes, coreografías e diversión, para que non paremos de bailar e brincar. Todo iso coa colaboración dos personaxes da granxa: o gato, o rato, a galiña e outros mais coñecidos como Peppa Pig, ou os integrantes da Patrulla Canina. Trátase dun espectáculo músico infantil para todos os públicos.
Organiza a Concellaría de Cultura da Pobra do Caramiñal e Cultura no Camiño da Xunta de Galicia.,

Venres 4 de agosto ás 22.30 h no Cantón da Leña. Concerto De Vacas – Rebobina 2023.,
– De Vacas ten novo espectáculo. Visten a escena e sácanlle o po as súas mellores galas para a ocasión. Flúor, licra e mechas de cores. Acompañadas dunha iluminación que non ten nada que envexar a París, nin a Vigo. Abren os seus diarios e confesan os seus segredos máis íntimos, rebobinando na historia da infancia cara os momentos máis luminosos. Bailan os éxitos das súas vidas ao ritmo de petaceta co cu sentado nas cadeiras, e potencian a teatralidade, servíndose de novos elementos escenográficos. Ás músicas e bases electrónicas súmanselles espectaculares coreografías, seguindo cunha liña de letras que non deixa títere con cabeza. As harmonías de voces e guitarra marcan o carácter do grupo.
Organiza a Concellaria de Cultura da Pobra do Caramiñal e Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Se chove estas actividades levaranse a cabo no Teatro Elma.



