Outes será unha das sedes da segunda edición do Festival Abanea

12 Xullo 2023

O Festival Abanea celebrará entre o 26 e o 30 de xullo a súa segunda edición cun programa de danza que distribuirá 15 funcións de 10 compañías entre os concellos de Gondomar, Foz, Outes e Allariz. Farao da man do colectivo ISMO Cultura e co apoio da Xunta de Galicia (Consellería de Cultura e Educación, ao abeiro da axenda CulturON). O certame presentouse este 12 de xullo na Cidade da Cultura. Participaron tres das directoras do festival (Marta Alonso, Lilian Portela e Paula Quintás) e o director da axencia AGADIC, Jacobo Sutil, amais de representantes dos concellos implicados. A amesá Suevia Rojo actuou durante o acto en calidade da bailarina seleccionada este ano no programa bienal do festival polo que se apoian procesos de creación de artistas emerxentes.

A partir do 26 de xullo con 15 funcións

O Festival Abanea desenvolverase entre o 26 e o 30 de xullo. Foz marcará o inicio desta segunda edición o 26 de xullo, coa exhibición na praza do Conde Fontao das pezas Vestirme de ti, da bailarina galega Nuria Sotelo xunto a Clara Ferrão; A raíz, do porriñés Daniel Rodríguez, e Human 21, da catalá Sandra Macià. A actividade en Foz incluirá tamén o obradoiro-espectáculo de Marta Alonso Tejada Discoteca de Señoras e a Pista de baile, actividade de mediación co público. Estas dúas accións reproduciranse en todas as localidades implicadas.

Xusto ao día seguinte, o 27,Abanea trasládase a Outes para amosarlle ao seu público The Sad-mad method, obra da catalá Carla Sisteré, xunto aos espectáculos xa amentados de Nuria Sotelo e Daniel Rodríguez. Alejandra Balboa será quen se encargue de impartir un obradoiro de danza familiar, que tamén se repetirá nas seguintes citas.

Gondomar distribuirá o seu cartel entre o venres 28 e o sábado 29. Neses días, pola praza de Rosalía pasarán —ademais das obras de Sotelo e Rodríguez— Minguates, da compañía galega Entremans; Proserpina, da madrileña La Mínima; Samsara, dos estremeños Chey Jurado e Javito Mario, e Me fui con tu nombre, do colectivo No man’s land cíe que aglutina artistas procedentes de Ecuador e Túnez.

Finalmente, Allariz poralle o ramo á segunda edición de Abanea o 30 de xullo coas compañías La Incendiaria, que estreará Sun Dogs, espectáculo resultante do programa de apoio de creación artística de Abanea 2022-23; Me fui con tu nombre, dos xa citados No man’s land cíe, e Otempodiz, da vasca Ertza.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...