Desde a Asociación de Empresarios de Ribeira veñen de compartir unha solicitude na que reclaman a que a realización dos exames de circulación do permiso B sexa posíbel realizalos no concello de Ribeira, “xa que é unha necesidade pendente para a zona do Barbanza, na que os beneficios para a cidadanía serían enormes e innumerábeis”, explica no seu comunicado a patronal, da man do presidente Francisco Martínez Gude.
A solicitude consiste en que os exames de conducir na parte de circulación se leven a cabo en Ribeira, sendo practicamente nulo o custe para a administración e a DXT (o desprazamento un día á semana dos
examinadores de tráfico ao Concello de Ribeira para examinarse do carné de Conducir). Porén, si que “serían importantes os beneficios para o noso concello e para o resto de municipios veciños”, engade a entidade ribeirense na súa solicitude.
Nela tamén fan saber que non se trata dunha petición excepcional, “porque sucede en máis lugares en Galicia e con moita menor poboación que Ribeira (O Barco, Lalín, Foz, Monforte)”. A asociación di ter coñecemento de que noutras comunidades “isto é moito máis habitual”. E engade: “As vantaxes da medida para a poboación de Ribeira e a notoriedade que crearía sería máis que suficiente, pero entre outros beneficios destacamos: a facilidade aos cidadáns de Ribeira e arredores, de non ter que perder unha mañá ou tarde en ir facer prácticas a Santiago; a creación dun polo de gran atracción de xente doutros concellos e lugares; e unha meirande notoriedade do concello de Ribeira, amais das vantaxes que reportaría á poboación o feito de non ter que desprazarse até Santiago”.



