
O Teatro Principal de Santiago de Compostela será o escenario o vindeiro 25 de xullo a partir das 13:15 horas da primeira edición de ‘Alba de Compostela’, un acto institucional organizado polo Concello de Santiago e inspirado no afamado discurso ‘Alba de Gloria, que Castelao fixo en Bos Aires o mesmo día de 1948.
A través deste evento, o Concello pretende sumarse de forma activa á celebración do día grande da cidade e de Galicia, rendendo homenaxe a aquelas persoas, institucións e organizacións vencelladas á cidade, tendo en conta a súa identificación con Santiago, o seu arraigamento social, a súa relevancia ou a súa proxección.
Seguindo estes criterios de valoración, a edición desde ano de ‘Alba de Compostela’ renderá homenaxe ás seguintes persoas e colectivos.

Homenaxeados ‘Alba de Compostela’
Daniel Lorenzo Santos
O coengo e Director da Fundación Catedral de Santiago, polo seu labor para achegar á cidadanía o proxecto de rehabilitación da Catedral, socializando o proceso a través dun coidado programa de visitas que pon en valor a complexidade e importancia da conservación desta obra do patrimonio histórico e cultural universal.
Os equipos femininos do Hóckey Club Raxoi
Polos seus éxitos en ligas galegas e estatais, erixíndose en referentes no deporte de competición en xeral e no hóckey en particular; e pola súa contribución a difundir a aposta do club pola participación femenina na práctica do hóckey sobre patíns, na infancia e na mocidade.
Mª Rosa Álvarez Prada
A decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e directora técnica do Plan Socio-Comunitario de Vite, pola súa dedicación profesional e persoal á transformación do barrio de Vite, implicando persoas e entidades nun proxecto social que as erixe como protagonistas e impulsoras do espazo veciñal, modelo de intervención sociolaboral, colaborativa e educativa.
Ánxeles González Porto, ‘Angi’
A propietaria do pub Borriquita de Belém e membro da Asociación Cultural Cidade Vella, polo seu labor de dinamización da zona histórica da cidade, contribuíndo a resignificar os espazos de lecer nocturno a través da experiencia cultural, e polo seu compromiso activo coa hostalería de proximidade e cunha marcada función de retorno social para a veciñanza.



