O BNG non apoiou da lei do PP de ordenación e xestión integrada do litoral galego por “carecer do diálogo necesario cos axentes implicados e por estar decidida nun despacho dende Madrid” e “sen atender á realidade e demandas galegas”. Así se expresou a parlamentaria nacionalista, Alexandra Fernández afirmando que o Partido Popular “confunde os recursos naturais, paisaxísticos, patrimoniais e a potencia dos usos do litoral galego cun simulacro de verano azul nun polideportivo da M30”.

A nacionalista insistiu en que “Galiza debe planificar a complexidade do litoral e potenciar a súa riqueza” porque ademais, afirmou, “ampárannos as competencias do Estatuto”. Porén, dixo, “o Partido popular prefire non reclamar esta transferencia como demostrou votando en contra da proposta do BNG formulada recentemente na Cámara galega”.
O BNG presentou 85 emendas para mellorar o texto lexislativo. Porén, a parlamentaria nacionalista criticou que se restrinxiran os tempos para o seu trámite “para entrar en campaña electoral co texto aprobado” e “silenciando as voces que puñan de manifesto as eivas da lei”. E engadiu: “Renunciaron a abrir un debate sobre o modelo de ordenación do litoral coa sociedade, limitaron a participación a un proceso de alegacións sobre un texto xa dado, estableceron un período de alegacións coincidindo coas vacacións de Nadal que non quixeron prolongar a pesar das peticións e saltáronse solicitar o informe preceptivo do Consello Económico e Social sobre a lei”.
A xuízo do BNG, a dita lei do litoral “nega establecer criterios que limiten a urbanización difusa e continua no litoral e a fragmentación dos espazos que aínda están libres para evitar a consolidación dun continuo edificado na costa porque en realidade”, recalcou Alexandra Fernández, “non quere planificar o territorio do litoral” nin “protexer as actividades pesqueiras, marisqueiras fronte a calquera outra posible actuación nos espazos mariños como a “eólica mariña”.
Por outra banda, engadiu, “a lei rexeita a axencia de protección e conservación do litoral e o fondo de conservación do litoral que permitise financiar entre outras medidas, esa adquisición e recuperación de terreos e o canon de explotación de actividades no dominio público marítimo terrestre”.



