O Partido Popular de Ribeira emitiu un comunicado no que informa que vén de pedir explicacións ao alcalde, o nacionalista Luís Pérez Barral, acerca “das razóns que conduciron a que a proposta de dedicacións presentada o pasado venres 14 de xullo, con motivo da convocatoria do pleno de organización celebrado na tarde deste mércores 19, fose substituída o luns 17, sumando unha dedicación exclusiva máis (a da concelleira de Facenda, do PBBI, por un valor de 42.000 euros anos) e cambiando a totais dúas dedicacións parciais, unha do Bloque (concelleiro de Cultura, Mocidade, Medio Ambiente e Benestar Animal) e outra do PBBI (concelleira de Medio Rural e Servizos Municipais), que pasaron de 28.210,42 a 35.000 euros cada unha”.
A voceira do Grupo Popular, María Sampedro, preguntou por esta cuestión na sesión plenaria deste mércores 19 de xullo sen, segundo fai saber, “recibir ningún tipo de resposta por parte de Luís Pérez Barral”. E engadiu: “Vostedes terán que dar explicacións á cidadanía sobre o cambio presentado o venres cando se convocou o pleno e a proposta que nos atopamos o luns: que pasou a fin de semana? houbo xa a primeira crise de goberno polas cotas de poder?”.
A voceira popular expresou as súas dúbidas sobre “a validez xurídica da modificación”, aínda que avanzou que “non reclamará a súa nulidade para non boicotear a acción de Goberno”.
Segundo dixo, “os ditos cambios supoñen 55.579,16 euros/ano máis en dedicacións sobre o documento inicial presentado a semana pasada polo tripartito, elevando a cifra do custe que supoñen as dedicacións do goberno ata 272.000 euros ano: un 84% máis do que destinou o goberno de Manuel Ruiz no pleno de organización do 2019, con 147.909,75 euros/ano distribuídos en tres dedicacións exclusivas e unha parcial”. Na súa opinión, “o actual goberno é o máis caro da historia de Ribeira”.
Durante a súa intervención, a edil popular amosouse moi crítica polo que considera “unha nula comunicación co Partido Popular á hora de celebrar este pleno de organización”. Tamén dixo que “en anteriores mandatos con Manuel Ruiz como alcalde convocábanse xuntas de voceiros previas para abordar o seu contido; podíanos gustar máis ou menos a proposta, pero o mínimo que vostedes puideron facer era levantar o teléfono”.
A voceira do Grupo Popular concluíu: “Segundo vostedes este estaba chamado a ser o mandato do diálogo, da man tendida, do consenso e da transparencia, e hoxe vemos a primeira mostra de que nin hai diálogo, nin hai man tendida, nin hai consenso nin hai transparencia, e tampouco a lealdade e respecto de Ribeira que merecen o pobo de Ribeira e o partido maioritario neste salón de plenos con 5.179 votos”.



