A exposición Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido chega este mes ao Centro de Saúde de Noia. Trátase dunha mostra coa que a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e as súas asociacións achegan, a través da fotografía, o día a día das persoas con esta discapacidade. A colección de imaxes, realizadas polo fotógrafo compostelán Aigi Boga, poderá visitarse desde o 27 de xullo ata o 4 de setembro no Centro de Saúde da localidade noiesa, dentro do horario de apertura do mesmo.

As fotografías que compoñen a mostra realizáronse nas cinco asociacións que forman parte da Federación Galega de Dano Cerebral. Nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, DCA Ourense e Sarela, amósase a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, ou sexa, a vida despois do “punto e seguido” tras un ictus, un traumatismo cranioencefálico ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.
Ademais, para acompañar a exposición, FEGADACE realizou unha serie de curtametraxes audiovisuais que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das entidades. Segundo explican dende FEGADACE, “son un total de sete vídeos, cunha peza principal e seis máis pequenas, que crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc”.
A organización da exposición conta coa colaboración da Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.




