As rapazas e rapaces que participan dende o 4 de xullo na cuarta edición do Campo de Voluntariado Ambiental inclusivo que a Consellería de Política Social e Xuventude realiza na illa de Sálvora (cuarta edición) recibiron este 12 de xullo a visita da conselleira do dito departamento, a ribeirense Fabiola García. O colectivo de Amicos, que ten parte activa no Campo, organizou nunha acción medioambiental para dar a coñecer as actividades que tiveron lugar durante estes días na illa e que se seguirán a desenvolver ata o domingo, 16 de xullo.

Os 16 participantes, de idades comprendidas entre os 18 e 30 anos, viñeron de diferentes puntos de Galicia: A Coruña, Melide, Boiro; España: Caceres, Cádiz, Zaragoza, Salamanca e incluso doutros países: Italia e México.
Desde Amicos, o seu director xeral Xoan España, destacou: “Un ano máis están a facer un traballo espectacular na realización de actividades de alto valor engadido”. Engadiu que é unha acción inclusiva “para convivir, gozar e reforzar valores como o respecto e o coidado da natureza”.
Un dos voluntarios é Miguel Cancelas residente no Fogar Amicos, que se mostrou “moi contento de participar no campo de traballo” e “así facer novas amizades”, e explicou o cometido dos traballos que están a desenvolver, como a eliminación de especies invasoras no Parque Natural de Corrubedo ou a retirada de residuos mariños en Sálvora.

Na xornada deste mércores 12 de xullo visitounos como dixemos Fabiola García, que enxalzou as tarefas dos 15 voluntarios e voluntarias que “van poder estar 10 días coidando o noso patrimonio natural, ao mesmo tempo que realizan unha infinidade de actividades”. En palabras da conselleira, “esta é unha boa forma de dar a coñecer a riqueza natural que temos aquí en Galicia, cun campamento inclusivo no que a xuventude con discapacidade traballa plenamente neste campo de voluntariado, realizando exactamente as mesmas actividades que o resto de rapaces e rapazas deste campamento”.
Tamén participou na visita Cristina Pichel, directora xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, que se mostrou moi contenta “xa que este ano participan mozos e mozas tanto de España como de Italia e México”. Rematou a súa intervención explicando que “as actividades que se fan neste campo de voluntariado son “moi especiais e únicas”, xa “que tamén participan mozos e mozas con discapacidade e así xuntos creamos unha comunidade máis inclusiva”.
Victoria Basteiro, directora do campamento, agradeceu “o entusiasmo e o compromiso de todos os participantes, que co seu traballo contribuíron ao coidado ambiental das nosas costas”.

46 campos de voluntariado nas catro provincias
Fabiola García apuntou que entre os meses de xullo e setembro poranse en marcha 46 campos de voluntariado por todo o territorio galego, aos que hai que engadir campamentos, os minicampamentos Coñece Galicia e intercambios con outras zonas de España. En total, ofértase a cifra récord de 11.200 prazas, “que consolidan a Galicia como a Comunidade que máis prazas ofrece do conxunto de España en materia de voluntariado aberto e adaptado para todos os rapaces”, dixo.



