En Froxán (Lousame) as Brigadas Deseucaliptizadoras continúan este verán coas accións de erradicación de árbores invasoras no Chán de Avelán, onde está previsto, este domingo, rematar de eliminar eucalipto nunha zona de bosque de ribeira adquirida pola Fundación Montescola para a súa rexeneración ambiental e conservación. A intención é “deixar a zona pronta para plantar no próximo inverno”.

A xornada será este domingo 16 de xullo, e ademais de apear árbores, aplicarase a técnica de descasque en tocóns, e rozarase outra parcela próxima que xa foi deseucaliptizada e plantada con frondosas neste inverno.
O punto de encontro será o estacionamento do “Quartel da Revolta” (“Restaurante”) no Chán de Avelán, a onde se pode chegar seguindo as indicacións ao Museo Mineiro San Finx. O lugar da intervención está a poucos metros. Na zona hai tamén un parque infantil e pequenas pozas no rego da Silva onde se poderá tomar baño ao ar libre.
Na parte da tarde, despois do xantar de albaroque, farase un obradoiro de cultivo e coidado de arandos e outros froitos silvestres, evidenciando as súas posibilidades para o aproveitamento multifuncional do monte. Ao finalizar, as brigadistas que queiran poderán participar nunha colleita solidaria a favor dos gastos das Brigadas Deseucaliptizadoras.
Este será o último dos obradoiros de formación para brigadistas nunha parcería co Centro de Estudos Eurorexionais Galiza | Norte de Portugal (CEER), Montescola e À Escuta, apoiada polo programa Erasmus+. Os obradoiros versarán sobre temáticas diversas centradas no ámbito de traballo das Brigadas (técnicas de eliminación de EEI, seguridade e protección en traballos forestais, mecánica e mantemento de maquinaria forestal, gobernanza e conservación comunitaria, educación ambiental, etc.). As brigadistas participantes recibirán un certificado do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas.
As Brigadas Desucaliptizadoras son unha iniciativa da Asociación Ecoloxista Verdegaia que teñen como obxectivo mobilizar, organizar e coordinar persoas de todo o país con vontade de botarse ao monte para realizar accións de voluntariado ambiental en colaboración coas titulares de terreos con valores ambientais degradados ou ameazados pola eucaliptización e outras especies exóticas invasoras. Mediante a erradicación destas especies e a súa substitución por outras autóctonas de alto valor ecosistémico. As accións das Brigadas teñen como obxectivo que as zonas intervidas non volvan ser pasto do lume e que sirvan como zonas protectoras, actuando como cortalumes verdes e corredores de biodiversidade.




