Malia o mal tempo este venres 28 de xullo botou a andar o primeiro Campamento de Voluntariado Ambiental do río Tins, con 35 participantes de todas as idades: desde os 5 ata os 69 anos. A iniciativa forma parte do proxecto Renatur_Outes. Durante tres xornadas, o grupo acampará ao pé do Pavillón Municipal e traballará arreo na eliminación de varias zonas con herba da fortuna (Tradescantia fluminensis), especie invasora que impide a presenza das especies propias dos hábitats de ribeira.

Amais, farase descascado de varias especies de árbores invasoras presentes no río como a acacia negra (Acacia melanoxylon), mimosa (Acacia dealbata) e falsa acacia (Robinia pseudoacacia), recollerase lixo das zonas de ribeira e organizaranse micro-obradoiros formativos sobre diversas temáticas, desde a utilización de aplicacións móbiles de identificación e mapeamento de especies (iNaturalist) ata técnicas de eliminación de especies exóticas invasoras.
O proxecto Renatur_Outes está liderado polo Concello de Outes e conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) así como co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
O proxecto ReNatur_Outes continuará traballando nos dous próximos anos con outras accións de limpeza de residuos da contorna fluvial, sensibilización medioambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas e fomento a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.



