A trintena de participantes do Campamento de Voluntariado do río Tins (Outes) retirou dúas toneladas de herba da fortuna e 100 kg de lixo

31 Xullo 2023

A organización do primeiro Campamento de Voluntariado Ambiental do río Tins, en Outes, fixo balance desta experiencia de acción divulgativa, participativa, solidaria e sensibilizadora desenvolvida esta fin de semana, dende o venres 28 de xullo, no curso fluvial que atravesa a vila da Serra. Segundo indicaron, malia comezar con mal tempo (a xornada do venres e o arrinque do sábado), chegouse á destacada cifra das 27 persoas participantes, voluntarias e voluntarios de todas as idades (desde os 4 ata os 60 anos).

A iniciativa forma parte do proxecto Renatur_Outes, liderado polo Concello de Outes e conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER.

Durante tres xornadas, de sábado a domingo, o grupo acampou no Pavillón Municipal e traballou arreo na eliminación de herba da fortuna (Tradescantia fluminensis), especie invasora que impide a presenza das especies propias dos hábitats de ribeira. Retiráronse aproximadamente dúas toneladas de planta nunha superficie de 400 m2 na parte posterior do antigo cine da Serra.

Amais, realizouse o descascado doutras especies de árbores invasoras presentes no río como a acacia negra (Acacia melanoxylon), a mimosa (Acacia dealbata) e a falsa acacia (Robinia pseudoacacia) e recolléronse 100 kg de lixo da zona de ribeira, fundamentalmente plásticos.

No sábado e domingo varias participantes visitaron a cabeceira do río Tins, gozando das fervenzas e entorno natural das capelas de San Paio e Santa Locaia, mentres que outras persoas voluntarias aproveitaron para refrescarse na praia de Broña.

Ademais de formación práctica en técnicas de eliminación de especies exóticas invasoras organizouse un micro-obradoiro de utilización da aplicación de identificación e mapeamento de especies iNaturalist.

Como dixemos, o proxecto Renatur_Outes está liderado polo Concello de Outes e conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) así como co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

ReNatur_Outes continuará traballando nos dous próximos anos con outras accións de limpeza de residuos da contorna fluvial, sensibilización medioambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas e fomento a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá. “Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto”, explican as entidades organizadoras.

Outros artigos

En Outes comezaron as obras para poñer a punto sete camiños rurais

O Concello de Outes informou do comezo das obras para a mellora de camiños rurais financiadas a través do programa AGADER da Xunta de Galicia, na que se inclúen 7 actuacións, en varias parroquias do termo municipal. O investimento total é de 84.585 € sendo as...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión