
O alcalde en funcións de Ribeira, Manuel Ruiz, procedeu no mediodía deste luns 3 de xullo ao izado da Bandeira Azul na praia de Coroso, a única que lucirá nun areal na comarca, “o que a ratifica como a que maior número de servizos vai conta”, lembrou, informando de que dende o 1 de xullo nove socorristas encárganse da seguridade da que “é a nosa praia urbana por excelencia do repartidos en quendas de cinco e catro membros”. Explicou que este cometido levarase a cabo “todos os días da semana ao igual que na praia do Vilar, en tanto que no areal da Ladeira haberá vixilancia nas fins de semanas e festivos”. En total son 19 efectivos os que prestará este servizo no termo municipal, “sendo o concello de Ribeira o que máis persoal ten para o servizo de socorrismo en Barbanza”, dixo.
O alcalde tamén recordou que Coroso acaba de incorporar novos servizos como o módulo de aseos accesíbel e integrado que se instalou fai quince días coa pretensión de que estea operativo todos os meses do ano.
Ademais, Manuel Ruiz izou a moi poucos metros a Bandeira Sendeiro Azul que, por segundo ano, lle outorgou ao Concello a asociación ADEAC (mesma entidade que concede as bandeiras azuis) para resaltar as calidades ambientais do paseo entre Coroso e Río Azor.




