A popular Teresa Villaverde Pais foi reelixida como alcaldesa do Concello de Lousame

07 Xullo 2023

Teresa Villaverde Pais foi reelixida esta tarde como alcaldesa do Concello de Lousame polo pleno municipal, onde obtivo o respaldo dos seis concelleiros do Partido Popular. PSOE e BNG optaron por apoiar aos seus respectivos candidatos: Ana María Domínguez Laíño e Anxo Moledo Carreño, respectivamente.
Teresa Villaverde asegurou que “a cidadanía volveu falar o pasado 28 de maio a través das urnas. E mostrou ilusión e confianza. Pídennos que sigamos na liña destes anos”. Neste sentido, indicou que os lousamiáns “queren que o eixo deste mandato que comeza hoxe siga sendo a procura do acordo e o consenso, que é a mellor forma de garantir un goberno para todos. Queren un concello útil, social e próximo, no que prime a defensa do interese xeral”.
“O meu equipo e máis eu, ímonos deixar a pel nestes catro anos. Imos ser valentes e ambiciosos, imos aproveitar todas as oportunidades, non imos a encollernos nin escapar dos problemas e imos asumir o liderado que nos outorgastes”, comprometeu Villaverde Pais, quen afronta este mandato “coa forza, ilusión e a experiencia que dan 20 anos no concello e once como alcaldesa”.
A alcaldesa asegurou que “os lousamiáns e lousamiás non queren disputas partidistas que defenden intereses particulares e non o interese xeral da veciñanza. Por iso, dende o primeiro minuto, tendo a man aos grupos municipais que conforman esta Corporación. Esa vai seguir sendo a vontade do meu goberno todo o mandato”.
Por unha banda, comprometeuse a seguir traballando “para facer avanzar a Lousame e que se manteñan os servizos que están a funcionar. Estes fan que sexamos un municipio de referencia en actividades culturais, deportes, servizos sociais, conciliación para as familias, atención dos maiores, a infancia, a xuventude, a igualdade, a educación, que se siga apostando pola modernización da administración, pola estabilización e funcionarización dospostos de traballo, que repercutirán na calidade dos servizos”.
Ademais, Teresa Villaverde asegurou que continuarán avanzando “No acondicionamento das nosas aldeas, na mellora das infraestruturas, no aforro enerxético e na creación de comunidades enerxéticas, na consecución de cobertura en todos os puntos do concello, para que doten de fibra e 5G a todo o territorio. As novas xeracións non poden traballar nin estudar sen eses recursos imprescindibles. Temos que seguir a reclamar a igualdade de oportunidades sen depender do lugar onde vivas; no coidado e posta en valor do Patrimonio material, inmaterial e medioambiental, no apoio ás Asociacións, ás empresas e emprendedores e na consecución do desenvolvemento de chan industrial”.
Financiamento para os concellos
Finalmente, aproveitou a constitución da corporación para “levantar a voz e reivindicar aos concellos como a administración máis próxima aos cidadáns, e na que recae a responsabilidade de dar resposta as súas necesidades. É o momento de acabar co histórico déficit de financiación das administracións locais. Non podemos agardar máis, porque estes anos foron asfixiantes para todas as corporacións, especialmente para os concellos pequenos e rurais. Quen paga as consecuencias deste sistema inxusto, son os cidadáns”.
Por iso, fixo un chamamento “ao goberno do Estado, que arrancará en breve a súa andadura nunha nova lexislatura, para que dean unha solución valente e definitiva, a medio prazo, para todos os concellos pequenos e especialmente os do rural”
Toma de posesión
O acto de toma de posesión estivo presidido polos concelleiros José Antonio Ces (PP), como concelleiro de maior idade, e Cristian González Rodríguez (PSOE), como o de menor idade e debutante hoxe como concelleiro. Os concelleiros electos tomaron posesión dos seus cargos partindo dende o público, que encheu o salón de plenos de Lousame.
Acto seguido, todos os concelleiros prometeron ou xuraron os seus cargos. Todos eles utilizaron a mesma fórmula, coa excepción do candidato do BNG que volveu prometeu o cargo “por imperativo legal” e logo de situar un exemplar de “Sempre en Galiza” sobre a Constitución, se ben si fixo mención expresa a respectar o texto constitucional. Despois pasouse á elección da alcaldesa por votación a man alzada.
Nese momento tivo lugar a anécdota da xornada xa que o grupo O Son do Pote, presente no exterior do salón de plenos, interpretou o silencio do inicio do discurso da alcaldesa coa fin do pleno, polo que se arrincou a tocar unhas pezas. Unha música que tivo que agardar ata o levantamento do pleno.
Tras a toma de posesión de Villaverde, quen recibiu o bastón de mando de mans de José Antonio Ces, e unha vez rematado o discurso da alcaldesa, esta cedeulles a palabra aos concelleiros da oposición. A socialista Ana María Domínguez Laiño agradeceu o apoio veciñal e instou a “traballar para mellorar Lousame, que precisa moito de colaborar e se se quere que Lousame progrese, estamos aquí para aportar. Pensamos que Lousame ten moito potencial e nel hai que traballar”. Pola súa banda, o nacionalista Anxo Moledo afirmou que “imos seguir coa nosa oposición forte e leal a este concello” e agradeceu o apoio dos veciños que fixeron que “sexamos a única forza deste concello que non perdeu votos nestas eleccións”.

A corporación municipal queda, pois, do seguinte xeito (en negriña os concelleiros que se incorporan esta lexislatura):
María Teresa Villaverde Pais (PP)
Esteban Ares García (PP)
Silvia Agrafojo Filgueira (PP)
Ramón Manuel Martínez Rial (PP)
Mariel Agrafojo Nieto (PP)
José Antonio Ces Barreiro (PP)
Ana María Domínguez Laiño (PSOE)
Juan José Prego Ces (PSOE)
Iria Insua González (PSOE)
Cristian González Rodríguez (PSOE)
Anxo Moledo Carreño (BNG)

Outros artigos

En Portosín xa se respira o nacional de ILCA 4

Juan Caballero (texto e fotos). A ría de Muros e Noia será escenario, do 1 ao 5 do próximo mes de maio, do Campionato de España de ILCA 4 (anterior Láser 4.7), modalidade por excelencia xuvenil na vela española e que achegará á comarca do Barbanza a 150 regatistas...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“25 abril III. Santarém”. Manuel Dominguez

“25 abril III. Santarém”. Manuel Dominguez

Saímos de Lisboa e rumamos para o berço, a fonte, onde o destino fez chegar aqui onde a memória está presente. “Meus senhores, como todos sabemos, existem diferentes tipos de Estado. Os estados socialistas, os estados capitalistas e o estado a que nos referimos....