
A marcha do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Francisco Conde, e da conselleira do Mar, Rosa Quintana, provocou cambios na configuración do Goberno galego. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou esta tarde a incorporación de dous novos conselleiros e o ascenso de Diego Calvo e Ángeles Vázquez, mentres que María Jesús Lorenzana faise cargo de Economía.
Francisco Conde encabezará a lista do PP ao Congreso pola provincia de Lugo para as eleccións xerais do 23J, segundo confirmaba onte o PP. A marcha de Conde a Madrid, con todo, non sería a única: varias fontes apuntan a que Rosa Quintana, que chegou ao Goberno galego con Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda en 2009, tamén forma parte da lista popular para o Congreso.
A Xunta confirmou estes cambios este martes pola tarde, dúas xornadas antes do día no que de forma habitual celébrase o Consello da Xunta. Así, a reunión semanal celebraríase sen Quintana nin Conde e con Elena Rivo e Alfonso Villares como caras novas xa que, segundo avanzou Rueda, o novo Goberno será nomeado mañá mércores.
Elena Rivo foi Tenente Alcaldesa e Concelleira Economía e Facenda no Concello de Ourense entre 2003 e 2007, cando gobernou o PP, e é a actual vicerreitora do Campus de Ourense da Universidade de Vigo. Alfonso Villares, doutra banda, é alcalde de Cervo (Lugo) con maioría absoluta desde 2007, aínda que leva no PPdeG municipal desde 1995.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela, asinará este mércores o decreto de nomeamento dos membros do Executivo, que quedará conformado do seguinte xeito.
| Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes | Diego Calvo Pouso |
| Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda | Ángeles Vázquez Mejuto |
| Consellería de Facenda e Administración Pública | Miguel Corgos López-Prado |
| Consellería de Infraestruturas e Mobilidade | Ethel Mª Vázquez Mourelle |
| Consellería de Economía, Industria e Innovación | María Jesús Lorenzana Somoza |
| Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades | Román Rodríguez González |
| Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade | Elena Rivo López |
| Consellería de Sanidade | Julio García Comesaña |
| Consellería de Política Social e Xuventude | Fabiola García Martínez |
| Consellería do Medio Rural | José González Vázquez |
| Consellería do Mar | Alfonso Villares Bermúdez |



