Os minicampamentos do programa autonómico Coñece Galicia van estar a disposición da rapazada de Rianxo de idades comprendidas entre os 10 e os 14 anos, achegándolles aloxamentos turísticos da Xunta distribuídos por toda a xeografía galega estadías de cinco días (de luns a venres).
O obxectivo deste programa é “apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte das persoas máis novas como para fomentar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o ocio educativo”.
A cuarta edición de Coñece Galicia, que forma parte da Campaña de Verán deste 2023 e no que colaboran concellos como o de Rianxo, está dirixida a nenos e nenas empadroados/as en Galicia que teñan entre 10 e 14 anos no momento de asistencia á quenda de actividade elixida e que queiran gozar dun programa lúdico formativo nos espazos naturais da nosa comunidade autónoma.
A oferta ascende a 600 prazas, que se distribúen en 30 quendas de entre 18 e 23 prazas e en 12 programas en diferentes concellos de Galicia, incorporando este ano dous novos programas nos concellos de Cenlle e A Lama.

Prazo de inscrición
O prazo de inscrición comezará o día 12 de xuño ás 12.00 horas e finalizará 5 días antes do inicio de cada actividade, agás no caso de que se esgoten as prazas.
Como realizar a inscrición
O formulario de solicitude estará dispoñíbel o día de apertura do prazo de presentación.
Unha vez presentado o formulario, xerarase un correo de confirmación das quendas solicitadas, que en ningún caso significa a confirmación da participación, senón a recepción do formulario.
Admítese unha única solicitude por persoa participante, na que se poderá escoller ata un máximo de 3 quendas diferentes de programas, indicando a orde de prioridade marcando o código asignado a quenda correspondente de participación.
As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición.



