O Concello de Lousame abre o prazo de preinscrición no Verán Activo 2023

09 Xuño 2023

O Concello de Lousame abriu este xoves 8 de xuño o prazo de preinscrición nos seus Campamentos Verán 2023 para veciños e veciñas empadroados e residentes en Lousame. Unha iniciativa de conciliación familiar dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 15 anos de idade e que está previsto que se desenvolva do 10 ao 21 de xullo, en horario de 9:00 a 14:00 horas (salvo o luns 17 de xullo, que será de 9:00 a 20:00 horas).

O Verán Activo 2023 foi presentado nos seus detalles pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, quen destacou que “este ano facemos un cambio e haberá unha única quenda, serán máis días pero só en horario de mañá, salvo o luns 17 de xullo que viaxaremos ao Aquapark de Cerceda e estaremos todo o día. Facémolo así a petición das propia familias xa que a gran maioría dos cen participantes son nenos e nenas pequenos, de entre 6 e 8 anos, para os que estar todo o día se lles facía moi pesado. Desta forma queremos que aproveiten mellor as actividades e o pasen moito mellor”.

O Concello de Lousame convoca 100 prazas no Verán Activo 2023, dirixidas a nenos e nenas de entre 6 e 15 anos de idade. O proceso de preinscrición estará ata o 18 de xuño para veciños e veciñas de Lousame, e do 19 ao 25 de xuño para persoas non empadroadas no municipio a través de Bandoticket. Os prezos serán de 45 euros para empadroados e de 65 euros para o resto.

Os campamentos desenvolveranse do 10 ao 21 de xullo, en horario de 9:00 a 14:00 horas, coa posibilidade de recoller aos cativos no polideportivo municipal da Silva a partir das 8:30 horas. Uns campamentos que contarán novamente coa colaboración do Servizo de Voluntariado xuvenil de Lousame.

Co Verán Activo 2023, o Concello de Lousame busca “ofrecer á cativada dez días moi divertidos no que aprendan e desfruten dunha gran variedade de actividades lúdico-culturais, deportivas e de aventura na natureza”. Así, o técnico de Cultura, Eduardo Agraso, explica que “sempre organizamos unha actividade deportiva e outra de auga na mesma xornada, pero tamén buscamos incluír actividades culturais como visitas a exposicións, cinema… para equilibrar un pouco”. Deste xeito, “a rapazada adquire e desenvolve moitos valores de forma transversal como poden ser os do compañeirismo, traballo en equipo, responsabilidade, respecto, empatía, orde ou disciplina”, apunta Silvia Agrafojo.

Na programación figuran actividades especiais como xincana acuática, inchábeis acuáticos, obradoiros, sendeirismo, festa da escuma, música en vivo, xornadas de cine, campionato de volei herba…

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...