
A especialidade de Cociña do Obradoiro de Emprego Tahume VIII, impulsado polos Concellos de Porto do Son e Ribeira, rematou esta semana nos colexios locais CEIP Campanario e Escola de Nebra (ambos en Porto do Son) cun proxecto (Almorzos Saudábeis) de formación nutricional que puxo o foco en como mellorar a calidade de vida da rapazada (e o medio ambiente que nos rodea) elixindo os mellores alimentos. Aproveitando a ocasión, dende a especialidade de redes e aparellos (a outra vertente formativa da edición VIII do Obradoiro de Emprego Tahume) as e os participantes acompañaron as distintas visitas cunhas mostras expositivas de elementos do noso mar.

As dúas especialidades activas do Obradoiro de Emprego Tahume (oitava edición) comezaron a súa andaina o pasado 3 de outubro, sendo a súa finalidade favorecer a inserción laboral das persoas desempregadas dos dous municipios (Ribeira e Porto do Son) a través de formación especializada, avanzada e dunha índole marcadamente práctica, poñendo o foco na mocidade local. Un total de vinte alumnos e alumnas participan nesta convocatoria, unha edición dual con dúas especialidades distintas: por unha banda operacións básicas de cociña e pastelería e, pola outra, confección e montaxe de artes e aparellos.




