O Concello de Ribeira vén de sacar a licitación unha nova actuación destinada á pavimentación e a instalación de saneamento en Sirves, lugar situado na parroquia de Olveira. Cun investimento de 83.379,87 euros e un prazo de execución de catro meses, o obxectivo que se pretende con esta obra é “dotar de novo pavimento e nova rede de saneamento en varios camiños do lugar”.

Concretamente, equiparase ao camiño principal cunha nova tubaxe de PVC liso de 315 milímetros de diámetro, demolendo parcialmente o aglomerado existente para a construción da gabia onde se se instalará a tubaxe.
Ademais, pavimentarase integramente un ramal que agora mesmo ten pavimento de terra. Farase con aglomerado sobre base de saburra, incluídos os sobreanchos. Tamén se instalará unha tubaxe de PVC liso de 315 milímetros de diámetro.

Por último, o camiño de Fontela será pavimentado cunha nova capa de aglomerado asfáltico previo acondicionamento da superficie, incluíndo os sobreanchos.
As empresas dispoñen ata o vindeiro 29 de xuño á medianoite para presentar as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).
O investimento foi incluído no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) POS+ 2022.




