Despois da pausa prolongada de tres anos por mor da COVID, a delegación ribeirense da Asociación Española Contra o Cancro recupera a súa Gala-Cea Solidaria, na que participarán unhas 400 persoas e que se celebra este sábado 6 de maio ás 21 horas o restaurante Chicolino de Boiro e traerá varias novidades con respecto a anteriores convocatorias.
O acontecemento foi presentado o pasado mes na sede da AECC na rúa Rosalía de Castro e nel estiveron presentes María José Carreira, Pilar Dios, Susi Paz e Ramona Paz (presidenta, tesoureira, secretaria e vicepresidenta da entidade), ademais da tenente de alcalde de Ribeira, María Sampedro.

Carreira explicou que a gala solidaria non se levaba a termo dende o 2019 e que este ano, debido ao aumento de aforo, desprázase ao salón de eventos do restaurante Chicolino. Para facilitar o desprazamento haberá autobuses con saída ás 20.30 horas do casco urbano.
Carreira tamén puxo o foco nas novidades do formato: principiarase coa gala para dar paso a continuación á cea, sorteo e baile. Segundo sinalaron, este ano a gala estará presentada pola influencer Cristina Cerqueiras, con medio millón de seguidores en Instagram. Haberá tres premios: a Abraham Benítez, ao voluntariado; á solidariedade, á Real e Ilustre Cofradía da Dorna; e á investigación, á doutora Marisol Soengas, que foi galardoada co Premio Internacional Ramiro Carregal.
A cita estará amenizada pola cantante Tania Fuegho, colaboradora da entidade na posta en marcha de dúas edicións dun musical en apoio á AECC, antes de comezar coa cea e posterior sorteo no que, a diferencia de anteriores convocatorias, non se venderán rifas.
Segundo explicaron na presentación, será imprescindíbel “que cada asistente presente a súa invitación á entrada, que contén o número correspondente ao sorteo”.
O baile final estará amenizado por un DJ.
O prezo total son 45 euros. Os puntos de venta están conformados por Gena’s Complementos e Voilà Juguetería, ademais dos propios integrantes da xunta directiva da AECC, tanto no cidade como nas parroquias. Estiman que entre a venta de entradas, colaboradores como o Concello e patrocinadores, terán un saldo de beneficio de 10.000 euros.

Novo centro social
María José Carreira adiantou que a primeiros de xullo inaugurarase o novo centro social, emprazado nun baixo e que disporá de servizos de psicoloxía, logopedia, traballo social e departamento oncoestético, que será o cuarto da provincia da Coruña.
“Todo isto non sería realidade sen a xunta directiva, que engloba a un colectivo de arredor de vinte mulleres que se reúnen semanalmente para organizar actividades”, finalizou a súa intervención.
A tenente de alcalde María Sampedro puxo en valor todo o labor que fai a xunta directiva da asociación, pois “todo o que fai é garantía de éxito”, e tivo palabras de eloxio para Abrahan Benítez, a Cofradía da Dorna e Marisol Soengas.



