
As conselleiras de Medio Ambiente e Mar, Ángeles Vázquez e Rosa Quintana, estiveron na mañá deste 2 de maio en Ribeira para comprobar o funcionamento da remodelada boia do Observatorio Costeiro de Galicia da costa ribeirense, reinstalada recentemente fronte ao litoral do dito concello tras realizarlle distintas melloras. Vázquez e Quintana aproveitaron a visita para enxalzar “o importante labor que realizan os investigadores galegos na recollida de datos no medio mariño co obxectivo de mellorar a xestión das zonas costeiras e prever incidencias como as derivadas de fenómenos meteorolóxicos adversos ou do cambio climático”.
Ángeles Vazquez salientou que “Galicia conta con importantes centros de referencia nacional e internacional que traballan na obtención e análise de múltiples parámetros como as condicións do vento ou do mar, a temperatura da auga, as oscilacións de salinidade ou as correntes”. Toda esa información, engadiu, “é de grande utilidade para desenvolver modelos de predición do estado do mar, a interpretación dos fenómenos mariños, o seguimento do impacto do cambio climático na costa, o apoio á xestión dos recursos vivos ou a actuación ante posíbeis episodios de contaminación mariña accidental”.
A conselleira de Medio Ambiente subliñou que o Observatorio Costeiro de Galicia (do que forma parte a boia acabada de remodelar, unha das seis estacións automáticas de recollida e envío de información cos que conta o observatorio), é un bo exemplo do dito traballo investigador, no que participan importantes centros galegos como o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR), o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e Meteogalicia.
Pola súa banda, Rosa Quintana enxalzou o excelente traballo que realizan os técnicos e investigadores galegos para dotar ás administracións e ao conxunto da cidadanía dos mellores datos. “Esa información”, dixo, “é clave para realizar unha adecuada xestión dos recursos e garantir que a súa explotación sexa sustentábel”. Ademais, engadiu, “permite reaccionar con axilidade ante eventos excepcionais no mar e buscar o mellor xeito de actuar para velar polo bo estado das distintas poboacións”. A titular de Mar puxo de relevo que a obtención e análise de datos en continuo axudan a adoptar medidas axeitadas para a protección do litoral e subliñou que “toda esa información non se restrinxe a un uso interno, senón que se pon de xeito inmediato a disposición dos sectores produtivos, do resto de investigadores e do conxunto da cidadanía para coñecemento e aproveitamento xeral.”
As conselleiras, que estiveron acompañadas por responsábeis e técnicos do Intecmar, CETMAR e Meteogalicia así como por outras autoridades, asistiron a unha presentación na Lonxa de Ribeira sobre o labor que realiza o Observatorio Costeiro de Galicia e posteriormente embarcaron para visitar esta estación automática.

A boia
A boia reinstalada en Ribeira, ademais dos parámetros meteorolóxicos e oceanográficos habituais, incorporará novos sensores para optimizar a recollida de datos e ampliar a información obtida das condicións do mar. Eses traballos de mellora foron realizados polo CETMAR (responsábel do mantemento da rede de estacións automáticas do Observatorio Costeiro de Galicia) para proporcionar información de calidade aos distintos sectores vencellados co medio mariño.
O observatorio, que leva operativo case dúas décadas, suma a estas plataformas automáticas unha rede de mostraxe conformada por 43 estacións oceanográficas e a rede galega meteorolóxica, integrada por 160 instalacións de toma de datos. A este labor engádense outras tarefas como a elaboración de modelos numéricos de predición e reanálise, a xestión da información e a realización de produtos e servizos específicos para os usuarios finais.
Esta ferramenta galega na que participan o INTECAR, o CETMAR e Meteogalicia tamén forma parte do observatorio transfronteirizo RAIA, co que amplía a súa colaboración a outras institucións de ámbito autonómico e do norte de Portugal fortalecendo a infraestrutura de observación da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.



