Nun acto cos veciños celebrado na praza de Pontevedra, o candidato á alcaldía polo Partido Popular, Manuel Ruiz Rivas, presentou as súas principais medidas orientadas á dinamización deste barrio, o máis antigo de Santa Uxía de Ribeira, tal e como recordou Pili Doval, veciña deste barrio e que forma parte da candidatura.
Así, entre as principais propostas figura a de dinamizar o barrio a través da creación dun Centro Multiusos no edificio de Conservas Cerqueira que poida dar cabida a todo tipo de actividades ao longo do ano: dende a celebración de actuacións musicais, ata competicións deportivas indoor, pasando por actividades sociais e culturais ou dando cabida a algunhas das feiras que promove a Asociación de Empresarios. Manuel Ruiz subliñou que dende o Concello se está xa dende fai meses en negociacións coa propiedade do inmoble (que, nunha parte, depende tamén da Demarcación de Costas) para ver de materializar a súa adquisición.
Outra das propostas do seu programa electoral consiste na apertura dunha sala de concertos na parte baixa do Auditorio Vello unha vez entre o do Parque do Centenario en funcionamento. A idea é facer algo da mesma corte da Sala Capitol de Santiago que poida sacar á rapazada das rúas ao tempo que poida ser un complemento para os negocios de hostalería, sempre avogando por un ocio saudable.
Ademais, a parte alta do Auditorio estaría destinado a un laboratorio creativo que poida servir como taller para os artistas do municipio.
Manuel Ruiz e a número 2 María Sampedro enumeraron tamén moitas das obras realizadas nestes últimos catro anos ou que están en proxecto, como a renovación da propia praza de Pontevedra e a rúa Manzanares, a reforma da delegación de Pesca actualmente en obras, a mellora da rúadas Escaleiras, a ampliación do parque infantil de Pedra Pateira, a piques de adxudicarse; ou tamén a próxima pavimentación de renovación de servizos na rúa Portugal.