O pintor ribeirense Manuel Ayaso recibiu a tarde deste mércores unha multitudinaria despedida tanto no Tanatorio do Barbanza en Xarás, onde foron velados os seus restos mortais e rendeuselle unha homenaxe coa participación da soprano Esperanza Mara e a poetisa Eva Veiga, como no cemiterio municipal da capital barbancesa, en cuxa capela tivo lugar unha pequena cerimonia relixiosa e posteriormente procedeuse ao seu enterro.
Da organización do acto en Xarás encargouse a familia de Ayaso e a Asociación de Artistas Plásticos Galegos, contando coa participación de numerosos artistas e coa poeta e xornalista Eva Veiga como mestra de cerimonias, quen se mostrou profundamente agradecida de poder colaborar nun recoñecemento á traxectoria do pintor.
A homenaxe arrincou coa actuación da soprano Esperanza Mara interpretando pezas dedicadas tanto ao pintor como á súa muller, Lucía Rivas. Tamén actuou o dúo rianxeiro Barahúnda cunha versión da adaptación musical de Manuel Xestal do Pequeno valse vienés de Federico García Lorca. Quico Cadaval, tamén formou parte da organización desta homenaxe, ofreceu aos asistentes unha actuación na que teatralizou o poema Moucho, de Rosalía de Castro.
No acto, no que falaron compañeiros como Alfonso Costa e a pontevedresa Carmen Touza, interveu así mesmo o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, quen sinalou como «triste casualidade» que a homenaxe pola morte de Ayaso coincidise cunha cita tan importante para a cultura como é o Día dás Letras Galegas.
O edil ribeirense quixo destacar a «débeda impagable» que ten o Concello con Ayaso, sinalando que «a gran obra de Manolo debe ser esa fundación que levará por sempre a súa pegada na biblioteca, e dese xeito será inmortal e recoñecido polas xeracións futuras».
Ruiz terminou a súa intervención cunhas palabras de agarimo á súa esposa e á súa filla, Mónica Ayaso, quen agradeceu a presenza de todos os que se achegaron a despedir ao fillo predilecto de Ribeira: “Con todo o noso agarimo, a miña nai e eu dámosvos as grazas por estar aquí”.
A filla do pintor puxo o punto e final ao acto, no que se cantou o himno galego como broche de ouro, cunha anécdota do mestre, antes de que se procedese ao traslado dos seus restos mortais: «O meu pai dicía, cada vez que comiamos, que ‘quen lle dera a moitos’, non importaba o que fose.
O féretro foi cuberto polas bandeiras de Ribeira, Galicia e do estado norteamericano de Nova Jersey e no velorio estivo acompañado tamén polas insignias de España e de Estados Unidos.
No camposanto municipal ademais de numerosos veciños, atopábanse varios axentes do corpo da Policía Local, que portaron o féretro ata a capela e posteriormente ata o nicho no que foi enterrado.
remitida
Este xoves, ás 19.30 horas, oficiarase un funeral na igrexa parroquial de Santa Uxía