O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) denegou á Fundación Montescola a adopción de medida cautelarísima consistente na suspensión da autorización, emitida por Augas de Galicia en febreiro de 2023, de vertedura ao rego de Rabaceiros de augas residuais procedentes da mina de San Finx, situada en Lousame. A sección segunda da Sala do Contencioso-administrativo lembra que “as medidas cautelarísimas adóptanse sen oír á parte contraria”, polo que é necesario apreciar “unha especial urxencia”, algo que entende que “non sucede neste caso”. Por iso, acordou a tramitación do incidente polo trámite ordinario, que é, sinala, “máis garantista, en canto que permite a intervención de todas as partes, facendo alegacións e achegando a proba que consideren precisa”.
A fundación solicitou a adopción da medida dentro do recurso interposto contra a resolución da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, de data 7 de marzo de 2023, na que rexeitou a solicitude de suspensión da execución da autorización da vertedura. “Temos que partir de que o obxecto de recurso non é a resolución que autoriza a vertedura, senón a denegación pola Administración da solicitude de que se paralice a execución da mesmo; e que esta denegación se produce en marzo, atopándonos en maio, polo que esa urxencia non se evidencia, e a propia parte recorrente vén confirmar a ausencia de urxencia, atendidos os requirimentos efectuados a fin de que achegase toda a documentación precisa e a que facía referencia no seu escrito inicial, ademais do resto dos presupostos procesuais esixidos legalmente”, explica o TSXG no auto, contra o que non cabe presentar recurso.
