
Resulta esencial garantir a participación do sector pesqueiro e outros actores implicados na construción da gobernanza internacional dos océanos.
Son consideracións da secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Isabel Artime, que avogou polo valor engadido da pesca na consecución dos obxectivos da Axenda 2030.
Aconteceu todo isto no decurso dunha xuntanza que mantivo Isabel Artime con representantes do sector pesqueiro e máis das ONBG na que abordaron a situación actual da gobernanza pesqueira internacional na que puxeron de manifesto os fitos máis importantes do ano 2022 e as oportunidades que ofrece o 2023 para garantir unha gobernanza real e efectiva.
Entre os temas abordados neste encontro figuran a celebración da COP15 do Convenio de Diversidade Biolóxica post 2020 e a conclusión do acordo xuridicamente vinculante para a conservación e o uso sostible da biodiversidade mariña máis aló da xurisdición nacional (BBNJ). Tamén se sinalaron as novidades sobre a moratoria do marco da Autoridade Internacional de Fondos Mariños e sobre a IV Reunión dos Estados parte do Acordo de Medidas do Estado Reitor do Porto.
Adiantáronse, asemade, os aspectos clave da Conferencia de Revisión do Acordo das Nacións Unidas sobre poboacións de peixes transzonais e especies altamente migratorias (UNFSA) que se v ai celebrar proximamente.
Compre agardar que, desta vez, ese chamado á participación do sector pesqueiro a participar na construción da gobernanza dos océanos sexa algo máis ca unha mera exposición de bos desexos.



