O BNG comeza a campaña en Noia nun Coliseo Noela cheo até a bandeira

15 Maio 2023

O BNG deu por comezada a campaña electoral de cara ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio cun ateigado acto no Coliseo Noela na tarde do domingo 15 de maio. O candidato á alcaldía noiesa polos nacionalistas, Ricardo Suárez, solicitou o voto para o seu equipo porque “temos un proxecto claro para conseguir que Noia volva ser o municipio punteiro e vangardista que nunca debeu deixar de ser”. Ao respecto, sinalou que o concello noiés “ten o potencial, tanto humano como estratéxico, para reverter a actual situación de decadencia que a localidade está a padecer”.

N1022

Entre un extenso abano de propostas para transformar o municipio, “tanto a vila como os lugares e parroquias”, Suárez focalizou gran parte do seu discurso nos ámbitos do saneamento e do urbanismo. “Hai que acabar co desleixo no mantemento da rede de saneamento, abandonada desde que populares e independentes entraron no Goberno en 2016, con máis de 60 puntos de vertido incontrolado e máis da metade das augas residuais vertendo directamente sobre o medio”, afirmou. Neste sentido, o nacionalista resaltou “a importancia de licitar o mantemento da rede de saneamento”.

N4423

O candidato do BNG tivo unha mención especial para a controversia existente coas verteduras mineiras. “San Finx é a pinga que colma o vaso dos nosos problemas de saneamento. Poderiamos dicir que as dúas infraestruturas máis importantes para Noia, alén dos problemas de saneamento, non se atopan no noso municipio, senón en Lousame, é son as balsas mineiras e planta de vertidos contaminados de San Finx”, agregou Suárez, que botou en cara ao PP “a súa pasividade nesta cuestión”.

O urbanismo “para as persoas” ocupou un lugar central na aposta dos nacionalistas. “Queremos conectar de novo a Alameda e o Campo da Feira, dando prioridade ás persoas sobre os vehículos na estrada que as separa”, sinalou o candidato do BNG. “O maior problema da sociedade noiesa é a perda de xente nas rúas, e iso tan só se arranxa ofrecendo un espazo urbano de calidade”, sinalou Suárez. Neste sentido, dixo, “desenvolveremos unha reforma integral do paseo marítimo, dotándoo de vexetación, sombra e equipamentos para o lecer social”. E a medio prazo, agregou, “queremos conectar o paseo marítimo coa Alameda, facer chegar a Alameda ao mar”.

Previamente, a candidata número dous da candidatura do BNG, Mari Insua, resaltou a importancia de “levar esta Noia para as persoas tamén ás aldeas”. Ao respecto, Insua destacou que “Noia non é só a vila, as aldeas tamén existimos e tamén pagamos impostos, non nos chega cun lavado de cara cada catro anos, precisamos un Concello adaptado ás persoas e non ao revés”. Insua resaltou ao seu compañeiro Ricardo Suárez como “o alcalde que Noia merece, pois é unha persoa traballadora, incansable e que nunca descansa ata lograr os obxectivos que se marca”.

O mandatario de Rianxo, Adolfo Muíños, acompañou aos nacionalistas noieses na presentación da candidatura e mostrouse convencido de que “Noia volverá a ser unha referencia da man de Ricardo Suárez e o seu espléndido equipo”. Muíños resaltou a capacidade de xestión dos Gobernos municipais liderados polos nacionalistas. “O modelo BNG é un aval de proxectos innovadores e sensatos”, afirmou o rianxeiro.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...