“Cada un co seu”. Luís Celeiro

18 Maio 2023

Nestes tempos de sol e sombra, uns piden polo teu, outros polo seu, “por lo tuyo” e “por lo suyo”, pola cidade, polo pobo, polos barrios e barriadas, pola cultura, pola atención social, pola ciencia, pola sanidade universal, pola educación dos meniños e dos maiores, polas nubes claras, pola chuvia e pola seca, polo regadío e polo coidado das brañas, por isto, por aquilo e pola “Mary Morena”. Ofertan para gobernar e logo, se chegan, gobernan e calan ou non gobernan e tamén calan. Bailan, bailan sete bailares e son felices.
Nestes tempos, amigos lectores, o país está cheo, repleto, de merendas campestres e de festas en cada cruce de camiños, nos barrios de cada cidade, nas beirarrúas, nas carballeiras e baixo milleiros de toldos que locen en cores diversas o anagrama do partido. Festas municipais para os maiores, pan con chocolate ou chourizos asados, sardiñas a esgalla con broa, pulpo á feira, no Carballiño e na Ribeira; cabrito, grelos, verzas e cocido, en calquera día, con viño do Ribeiro, de Albariño, Godello ou de Mencía, e garavanzos a granel para xantar, escoitar e rir.
Que veñan as sopas de allo para os peregrinos, a verdura escalfada e engraxada, con compango ou sen compango, para todos, con especial atención aos que andan na recolleita dos votos, deses votos que pensan os desconfiados e malpensados que saen pola boca do estómago.
Hai queimada acalorada, filloas e melindres, queixo do mellor, fabas de Lourenzá, chourizos que veñen de fóra e foliada seguida, gaiteirada continuada e compartida, pantrigo, miradas de esguello e outras atravesadas. Aquelas miradas! Unhas sas e outras, non tanto. As miradas e os falares dos recadadores de votos, serán fiables? Cando un vai, outro vén de novo e ambos sen acordo, sen intención e sen comprensión. Cada un segue o seu camiño e, segundo din, gañando. Quen sabe?
Os que andan na política saben o que se deberían facer, o que é importante comprender e cales son as razóns para falar e/ou calar. Os votantes tamén, tamén debe saber que é o que queren e deben esixir respecto para o seu voto, como se fose un compromiso asinado, coa mesma firmeza que a palabra dada.
Cada un co seu slogan e pouco máis. Din que é necesario xuntar tódalas forzas e vontades, que é conveniente a reinserción social e que é imprescindible a loita pola igualdade, pero cando chega a hora da verdade, o esquecemento é total, non lembran ningunha das proclamas e o votante, dende a súa visión (corta ou longa, con razón ou sen ela), defende o que lle parece, coa palabra e co voto. Aí está o importante e, como di a Tía Manuela, “que cada un sexa dono da súa e do seu”.

Outros artigos

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

+

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando el silencio se hace oración” – José Antonio Constenla

“Cuando el silencio se hace oración” – José Antonio Constenla

La primera visita del Papa a España, algo más que un viaje pastoral, ya forma parte de la historia. Nuestro país está viviendo unos días extraordinarios, cargados de emoción, simbolismo y esperanza, que permanecerán durante mucho tiempo en la memoria colectiva de...

“Nosotros no somos el Estado”. Manuel Dominguez III

“Nosotros no somos el Estado”. Manuel Dominguez III

"El estado soy yo" (L'État, c'est moi) es una célebre frase atribuida al rey Luis XIV de Francia (el "Rey Sol"). Él y otros como él si son estado, pero nosotros no somos estado. Nosotros somos los que alimentamos al estado, es decir el menú del estado Trabajamos seis...