O novo traballo discográfíco (O´ Clásico Fol) de Boroa é sen dúbida unha das grandes bombas da tempada no ámbito da música galega. Non só pola calidade da proposta, senón tamén pola súa orixinalidade e pola lonxitude do seu radio de acción: é como escoitar a música da nosa historia xa escrita e, tamén, a que está por escribir. Coma adiantarse no tempo. En O´ Clásico Fol a banda de Ribeira ofrece o que viñan meses prometendo: un mundo sonoro coa gaita como protagonista que cruza as fronteiras do coñecido para mesturar harmonías de diferentes xéneros musicais (swing, jazz manouche, ragtime, música contemporánea) pasadas polo filtro do folk galego. Falamos con Sabela Olivares (gaita, piano, pandeireta e voz), Suso Bello (guitarra e voz) e Alberto Millán (baixo) para que nos debullen de primeira man o pan de millo (boroa) que veñen de sacar de forno.

-Como poderíamos definir a nova criatura de Boroa, O’Clásico Fol?
–O’Clasico Fol é unha viaxe musical por diferentes culturas a través do noso folclore. Outra forma de velo á hora de darlle forma ao fío condutor foi a de imaxinar a dous galegos, Jasinto e Benavente, que marcharon a por tabaco, nesa viaxe faise patente a súa interacción entre a cultura materna e as novas experiencias.
-A quen lle recomendariades este álbum?
-A xente disposta a debullar na música. Non é un disco dunha soa escoita, vivimos no tempo da inmediatez, e neste caso hai que tratalo como antigamente cando chegaba un vinilo da Discoplay e o escoitabas ata que sabías absolutamente todo o que pasaba dentro del.
-Cada un de vós, xuntos e por separado, tendes ás vosas costas unha ampla bagaxe musical, en diferentes bandas e mesturando estilos diversos. Todo isto conflúe neste traballo ou é algo completamente novo e alleo a estas experiencias?
-É certo que é un proxecto moi diferente ao que temos feito agora, pero tamén é verdade que toda a experiencia acumulada en anteriores proxectos dáche as ferramentas para chegar a este punto.
-Sodes vellos compañeiros nisto da música. Cal é o segredo para manter no tempo esta amizade persoal e musical? Ser músicos e amigos durante tantos anos, é unha vantaxe ou unha desvantaxe?
-Penso que o respecto ás necesidades, singularidades e as teimas de cada persoa é o factor máis importante para ser ben levados.
Hai un pouco das dúas cousas, non? Sen dúbida o importante é perseverar :))))

-Moita xente coñécevos pola vosa andaina en A Companhia do Ruído. Agora estades mergullados en Boroa, e tendes máis proxectos musicais paralelos e alternativos. Como facedes para compaxinar tantas liñas de traballo e saír indemnes deste sarillo?
-Podemos definir a música como o arte de combinar os sonidos nunha secuencia temporal en relación ás leis da melodía, a harmonía e o ritmo. O Mestre Foscaldo resumía o dilema dicindo que “a música é a arte de combinar os horarios”. Ao final é unha cuestión de organización, ao longo do ano hai diferentes etapas. No proceso de composición, gravación etc… só existe iso e todas as horas do día van encamiñadas a ese proceso. Cando comezas cos ensaios e as actuacións, vén o máis complicado, xa que hai que combinar as vidas de cada quen e cadrar datas para que todos os proxectos sexan viables.
-A gaita de Sabela parece ser o eixe arredor do que xira este novo traballo discográfico. Na presentación do disco poñedes o foco na necesidade de adaptala ás novas tecnoloxías destes tempos que corren. Como se converten tantos séculos de historia musical en modernidade? Credes que era unha materia pendente adaptar a gaita galega ás novas correntes, linguaxes e demandas musicais?
–O instrumento foi evolucionando gradualmente e adaptándose aos tempos ao longo da historia produto de diferentes intereses, necesidades ou gustos estéticos. Por exemplo, a inclusión do bordón na gaita no momento que nace a polifonía non foi casual, ao igual que tampouco o foi a tendencia á afinación temperada cando empezou a facer parella con outros instrumentos.
Diferentes intérpretes fixeron esta adaptación en relación ao seu tempo, por exemplo, o gaiteiro de Ventosela introduciu chaves no punteiro para poder tocar novos repertorios e incluír a gaita en formacións diversas. Tamén os artesáns fixeron as súas achegas, xa nas derradeiras décadas do século pasado, empregando novos materiais como o Gore-Tex para a fabricación do fol ou deseñando mecanismos que resultaran máis eficientes e cómodos, por poñer algún exemplo. Por suposto, non hai que esquecer tampouco a irrupción da gaita MIDI no eido musical. En definitiva, a nosa é unha visión e aportación máis a este instrumento de longo percorrido histórico.



