A Xunta mantén aberto dende este mércores 3, e ata o vindeiro xoves, 11 de maio, o prazo para inscribirnos na xornada formativa para profesionais do sector turístico sobre o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
Esta acción formativa, prevista para os días 23 e 24 de maio, está dirixida a profesionais do eido turístico como técnicos, informadores, guías ou persoal de organismos e entidades que estean en contacto con potenciais visitantes do parque. O primeiro día trataranse cuestións teóricas a través dun webinario que concluirá cunha proba tipo test. A segunda xornada desenvolverase na illa de Sálvora, en Ribeira, onde se contrastarán de xeito práctico os contidos abordados o día anterior.

Para obter o certificado oficial de asistencia será obrigatorio ter asistido á totalidade da formación e ter superado o test de coñecementos básicos sobre o parque nacional.
O obxectivo deste curso é “facilitar aos asistentes ferramentas e recursos que lles permitan proporcionar aos visitantes deste espazo natural a información máis actualizada posible sobre aspectos como os servizos, a normativa ou a súa xestión así como crear unha canle de comunicación co parque para intercambiar suxestións e actuacións de mellora na área da súa competencia”.
Nesta edicións habilítanse 40 prazas, das que 10 estarán reservadas inicialmente para aqueles participantes nas edicións comprendidas entre 2006 e 2013 –ambas inclusive- e que estean interesados en actualizar a información sobre os recursos, equipamentos e xestión do uso público.
As persoas interesadas en participar na xornada poden obter máis información e descargar o formulario de inscrición no apartado de actividades e participación da páxina web do Paruqe Nacional.



