A terceira carreira 5K El Canario (Ribeira) renderá homenaxe ao veterano local José Nespereira

31 Maio 2023

A terceira edición da Carreira 5K El Canario celebrarase o vindeiro domingo 18 de xuño e vai homenaxear a un dos corredores máis veteranos e recoñecidos do municipio: José Nespereira. O evento deportivo foi presentado este mércores 31 no Consistorio local pola tenente de alcalde en funcións María Sampedro, o concelleiro de Deportes Javier Sampedro, e por Israel Benítez, Clara Millares e Mara Montemuíño en representación da organización, integrada pola Escola El Canario.

A cita disputarase a partir das nove da mañá con saída dende a praza do Concello. A modalidade absoluta, de 5.000 metros, atravesará boa parte do casco urbano (Malecón, Carolinas, rúa Galicia, Abesadas…) e terá un perfil eminentemente chairo a excepción da pequena costa da rúa Lepanto.

Segundo explicaron, haberá distancias máis curtas para categorías inferiores a través dun circuíto de 700 metros no que, dependendo da idade, haberá que dar unha, dúas ou tres voltas. Así, os máis pequerrechos (os pitufos) de todos cubrirán unha distancia de 150 metros.

Por parellas
Unha das novidades da proba será unha nova modalidade por parellas.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse na web da Federación Galega de Atletismo. As modalidades absoluta, por parellas e zapatilla inclusiva teñen un custe de 6 euros. O resto de categorías son gratuítas. Hai de prazo para anotarse ata o 14 de xuño ás 23.59 horas.

Os premios na modalidade absoluta serán de 100, 50 e 25 euros para os tres primeiros clasificados, e ademais haberá premios de 50 euros por bater o récord da proba tanto en categoría masculina (Alejandro Pesado, 15’51’’) como feminina (Branca Fernández, 19’57’’). Ademais, todos aqueles que superen estas marcas e non gañen a carreira levaranse 10 euros a maiores do que poidan acadar.

Israel Benítez asegurou que moi probablemente a carreira contará coa participación de grandes atletas a nivel galego e agradeceu o apoio de patrocinadores e colaboradores, ao igual que fixo o concelleiro en funcións Javier Sampedro.

A tenente de alcalde, María Sampedro, felicitou o club por dar visibilidade a José Nespereira, en tanto que Clara Millares resaltou que participando na proba terase a oportunidade engadida de coñecer a nosa cidade.

Outros artigos

Ribeira reivindica arte local cunha mostra colectiva de 23 artistas

O Centro Cultural Lustres Rivas, espazo vivo de creación e difusión cultural activo dende 2011, acolle este días, por segundo ano consecutivo, unha exposición colectiva de artistas da contorna, fundamentalmente ribeirenses, baixo o título Camiño da arte que está...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión