A mobilidade verde, eixe vertebrador do novo proxecto sociolaboral impulsado polo Concello da Pobra

05 Maio 2023

Mellorar as competencias prelaborais e profesionais da xente nova de entre 16 e 30 anos da nosa comarca: este é o obxectivo marcado pola Concellaría do Desenvolvemento Local da Pobra do Caramiñal a través da iniciativa A todo piñón: escola de segunda oportunidade do Barbanza para o curso académico 2023-2024, que conta co apoio da comunidade educativa e tecido empresarial.

Trátase dun proxecto que parte do Programa Roteiro, unha experiencia piloto previa e que, como describe a concelleira do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo, “empregará unha metodoloxía de intervención innovadora” para tratar de impulsar unha transformación das persoas participantes no ámbito persoal, familiar, social e laboral que redunde positivamente no acceso ao mercado laboral, ao emprendemento ou a un cambio da súa estratexia vital.

Durante a presentación, a edil estivo acompañada do axente de emprego e desenvolvemento local, Luís Miguel Domínguez; da orientadora laboral, Blanca Álvarez; de Cristina Gago, en representación do departamento laboral de ACTEMSA; da directora do CPR Divino Maestro, Chefa Bretal; do director do IES, Alejandro Bobillo; e de Rosana Vidal e Laura Vidal, no nome da cooperativa Dálle que Dálle.

Segundo fixo saber a edil, a primeira parte deste itinerario formativo consiste nunha serie de laboratorios de aprendizaxe que se van impartir no CPR Divino Maestro. Centraranse nos ámbitos prelaboral, das habilidades básicas, da intervención psicolóxica, da vida saudábel, no medioambiental e sustentabilidade, e no do emprendemento. De aí partirá a creación de empresas e a inserción laboral, ademais de BICILAR, que permitirá adquirir os coñecementos e habilidades focalizado na reparación e restauración de bicicletas. E, todo isto, coa orientación e o seguimento personalizado en tódalas accións.

“Preténdese así que o proxecto se converta nun punto de referencia da comarca a través da formación complementaria centrada na parte psicolóxica, ademais de fomentar a mobilidade sustentábel e a economía circular ao tempo que se contribúe á creación de emprego na localidade”, comentou a concelleira.

Outros artigos

Ribeira pon en valor o traballo das mulleres no mar

O Concello de Ribeira conmemorou o Día Internacional da Muller no Sector Marítimo rendendo unha homenaxe a tres mulleres extraordinarias que dedicaron as súas vidas a unha profesión fundamental para a nosa comunidade: o marisqueo. O concelleiro de Mar, Fernando...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión