Este xoves 11 celébrase en Boiro un evento de gran interese no que colabora a ABE (Asociación Boirense de Empresarios), trátase do I Campionato Barista de Colexios de Educación Especial. Na cita participan estudantes con diversidade funcional e cognitiva que requiren apoios permanentes e intensivos na área da comunicación, do funcionamento adaptativo e da súa autonomía e independencia persoal.
En palabras do presidente da patronal Boirense, Daniel García “é un pracer colaborar nesta bonita iniciativa que o público pode seguir de maneira presencial mañá a partir das 11:00 no Pazo de Goiáns ou por streaming”
A ABE aporta para este campionato unha bolsa con agasallos para cada un dos participantes e o premio para dúas das categorías consistente nuns auriculares sen fíos bluetooth.
O evento vén da man do CEE Manuel López Navalón. Dará comezo ás 11.00 horas. O programa, que será retransmitido en directo pola canle de Cafés Templo e Baristas de Foz, inclúe dous obradoiros: un sobre masas de pizza (para o alumnado dos colexios que asistan ao evento) e outro sobre cócteis sen alcol (tamén para o alumnado dos centros que acudan). A cita vén da man do dito CEE e conta co apoio do Concello, Cafés Templo ou a Asociación Boirense de Empresarios (ABE).




