O deputado socialista Julio Torrado, acompañado do alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e os candidatos do PSOE de Rianxo e A Pobra, Óscar Rial e Patricia Lojo, mantiveron unha reunión cos representantes do sector bateeiro de Arousa norte.
Os socialistas da zona norte da Ría de Arousa demandan á presidencia da Xunta de Galicia unha solución inmediata á problemática da mexilla que afecta ao sector bateeiro. O deputado do Parlamento de Galicia, Julio Torrado; o alcalde de Boiro, José Ramón Romero; a candidata á alcaldía da Pobra, Patricia Lojo; e o candidato á alcaldía de Rianxo, Óscar Rial, mostraron o seu apoio ao sector.
En decembro de 2019 a Xunta de Galicia aprobou un decreto que significou a perda da maior parte das zonas de extracción de mexilla, un problema que lonxe de ser resolto pola Consellería do Mar, empeorou ata chegar a enfrontar a dous sectores do mar, o dos mexilloeiros e percebeiros. “A situación chegou este xoves a un punto indignante, no que se produciron cargar policiais contra aqueles que defenden o seu traballo e o seu medio de vida”.
O sector do mexillón é moi importante para Galicia, pero é fundamental para os concellos de Boiro, Rianxo e A Pobra do Caramiñal xa que a repercusión económica é directa e dependente deste sector.
“Lamentamos e condenamos os graves acontecementos producidos nestes días de protestas por parte dos bateeiros para defender o seu medio de vida”, afirmou o alcalde de Boiro. Estes acontecementos son froito da “incapacidade da Conselleira do Mar para buscar unha solución a un conflito que se alongou no tempo sen motivo e que está a ter unhas consecuencias cada vez máis lamentables”.
Os socialistas da zona norte da Ría de Arousa demandan ao presidente da Xunta de Galicia que asuma a xestión deste conflito e que responsabilice aos xestores da Consellería do Mar destes feitos lamentables pola súa incapacidade para solucionar esta situación de xeito inmediato.
Por último, os socialistas mostraron o seu apoio ao sector bateeiro e puxéronse á súa disposición para traballar na procura dunha solución a este conflito que afecta directamente á economía de centos de familias e do país.