O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España a creación dunha unidade de estranxeiría no concello de Noia, que facilite os procedementos para a obtención de documentación persoal, tanto dos cidadáns españois coma dos estranxeiros. A deputada popular Ana Belén García Vidal explicou que a creación desta unidade “posibilitaría a tramitación e renovación do DNI electrónico, pasaporte e outros servizos de estranxeiría, evitando así ter que desprazarse a Santiago ou a Ribeira”.
Ana Belén García explicou que as unidades de estranxeiría e documentación teñen competencias en materia de expedición de documentación de residentes nacionais, así como os relacionados con permisos de residencia e de estranxeiros.
“Dado que as comisarías de Policía non cobren as necesidades existentes, creáronse unidades en diferentes poboacións que, por ser localizacións estratéxicas ou cabeceiras de comarca, xustifican a súa instalación”, sinalou.
A NORMATIVA XA PREVÉ A SÚA CREACIÓN
Así, indicou que “algúns concellos, coma Noia, reciben periodicamente a visita dun equipo itinerante da Policía Nacional para a expedición e renovación do DNI, pero non se poden realizar outros trámites coma a expedición do pasaporte, a actualización dos certificados dixitais do DNI ou trámites relacionados con
documentación de estranxeiría”.
A deputada popular manifestou que a normativa vixente “prevé a creación de oficinas delegadas das oficinas provinciais de estranxeiría en concellos da provincia para facilitar as xestións administrativas dos interesados, que poderán poñerse en marcha por resolución do titular da Delegación ou Subdelegación do Goberno á que se adscriba a Oficina de Estranxeiría correspondente”.
“Consideramos que o municipio de Noia reúne os requisitos necesarios para promover a creación dunha unidade dependente da Oficina de Estranxeiría provincial por varias razóns: en primeiro lugar, pola súa situación de enlace como nó de enlace entre a comarca do Barbanza e os distintos concellos costeiros ata a Costa da Morte, que supoñen unha poboación de máis de 120.000 habitantes; e, en segundo lugar, pola existencia neste ámbito territorial dunha numerosa poboación residente de persoas estranxeiras dedicadas ao sector servizos e, sobre todo, ao sector da pesca, con portos de tanta importancia como o de Ribeira e o de Muros”, apuntou Ana Belén García Vidal.
Neste sentido, afirmou que “esta poboación demanda a prestación duns servizos administrativos que garantan a solución ao problema da súa estancia legal en España, así como a expedición dos correspondentes documentos necesarios nesta materia, e que facilitarían a súa rápida integración nestes concellos”.
“Posibilitaría a tramitación e renovación do DNI electrónico, pasaporte e outros servizos de estranxeiría, evitando así ter que desprazarse a Santiago ou a Ribeira”, dixo Ana Belén García Vidal