O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, é o protagonista este martes 18 de abril do programa de podcasts en Primeira Persoa, do Partido Popular.
A xeito de presentación, o programa radiofónico en liña presenta ao rexedor ribeirense, candidato á alcaldía do Concello, como un experto coñecedor da vida política dende dentro. Concelleiro, deputado autonómico e provincial e agora alcalde, Ruiz Rivas queda co ámbito local como a parte máis gratificante do seu traballo durante estes anos: “Non hai nada mellor que traballar para que os teus veciños e amigos poidan vivir mellor no lugar no que naciches”, sinala, engadindo que o sacrificio persoal e familiar que esixe a vida política municipal vese recompensado “cando observas que o teu pobo mellora grazas ao teu esforzo e ás cousas que fas. É aí onde me sinto máis cómodo, onde lle encontro sentido a todo o que facemos durante as 24 horas do día durante 365 días ao ano”.
Seguidor recoñecido do Deportivo, confía en poder celebrar o ascenso branquiazul e a súa continuidade á fronte do consistorio de Ribeira. “Estou seguro de que con traballo pódense conseguir as dúas cousas”, afirma Ruiz Rivas, quen confesa a súa paixón por todo tipo de deportes. “Practiquei case todos. É certo que non son moi constante con ningún, pero gústame dedicar o meu tempo libre a facer deporte e a estar coa familia”.
Preocupado con desenvolver os seus proxectos políticos respectando a “marabillosa contorna natural” de Ribeira, o candidato popular recoñece que un dos seus retos pasa conseguir involucrar a todos os veciños, con independencia da idade, no deseño do futuro do concello. “É moi importante socializar a política, escoitar a todo o mundo e conseguir que todos os veciños acheguen as súas propostas para camiñar da súa man”.
“Son unha persoa sinxela, cercana e traballadora que ten gañas de aprender todos os días para mellorar nas cousas que faia”, concluíu.
Un novo formato para coñecermos de preto ás candidatas e candidatos
- O podcast en Primeira Persoa é unha idea orixinal do Partido Popular de Galicia na que diferentes candidatos das provincias galegas teñen a oportunidade de ser entrevistados nun formato directo, dinámico, e adaptado ás novas formas de comunicación que ofrece o universo transmedia
- A máxima coa que se artellan estas entrevistas é que os veciños poidan coñecer á persoa que hai detrás do político e escoitar aos seus candidatos nun ton informal e próximo, mais aló de discursos políticos e ideoloxías
Estas son as redes onde está dispoñible o podcast en Primeira Persoa:
Facebook: https://www.facebook.com/ppdegalicia
Twitter: https://twitter.com/ppdegalicia
Instagram: https://www.instagram.com/ppdegalicia
Youtube: https://www.youtube.com/@ppdegalicia
iVoox: https://www.ivoox.com/podcast-en-primeira-persoa_sq_f11835326_1.html