A organización Ecoloxistas en Acción presentou un recurso de alzada solicitando a revisión da resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Natural respecto ao Inventario de zonas húmidas de Galicia e solicita a inclusión de máis 700 humidais (turbeiras, brazais, brañas, lagoas,…) que non foron recollidos nesta actualización do inventariado.

A organización ecoloxista resalta que “este inventariado é unha ferramenta imprescindíbel para a planificación e protección do patrimonio natural”. Por iso alertan que “sen razón aparente quedaron fóra deste rexistro centos de zonas húmidas e sinalan que o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) ten inventariados máis de mil cen zonas húmidas”.
A federación galega de Ecoloxistas en Acción iniciou no ano 2022 a campaña Humidais para a vida para concienciar da importancia ecosistémica das zonas húmidas. A campaña vai aparellada dun traballo de campo co cartografado destas zonas non rexistradas. Segundo explican, malia que o primeiro informe desta campaña, referente a provincia de A Coruña, foi entregado á Consellería de Medio Ambiente, “non foron rexistradas pola Xunta a maioría das zonas húmidas cartografadas pola organización”.
E engaden: “Inspeccionamos xunto con distintos técnicos, máis de mil fincas da provincia da Coruña e atopamos verdadeiras xoias do noso patrimonio natural: turbeiras, brazais, brañas, lagoas, zonas húmidas de alto valor ambiental que necesitan ser protexidas para ser preservadas. Porén, a Consellería de Medio Ambiente deixou fóra do rexistro áreas tan relevantes como as turbeiras do Torreiro ou a braña da Serra (Santa Comba/ Coristanco) que é o breixal atlántico mais grande de Galicia”, alerta Roberto Vilela, coordinador da campaña Humidais para a Vida de Ecoloxistas en Acción.
Ecoloxistas en Acción sinala que “os humidais son indispensábeis polos beneficios ou servizos ecosistémicos que brindan á humanidade, desde subministración de auga doce, alimentos e biodiversidade, ata o control de crecidas, recarga de augas subterráneas e mitigación do cambio climático. Subliñan que,” con todo, un estudo tras outro demostra que a superficie e a calidade dos humidais seguen diminuíndo ano tras ano na maioría de rexións do mundo, en consecuencia, os servizos dos ecosistemas que os humidais proporcionan ás persoas atópanse en perigo”.



