O Concello de Ribeira informo da adxudicación provisional do proxecto para construír un paso no río Listres, entre Castiñeiras e Aguiño. O obxectivo é dar continuidade á circulación tanto de vehículos como de peóns polas rúas que desembocan neste curso fluvial que marca a separación das ditas dúas parroquias (entre a rúa das Pedras en Aguiño e a rúa dos Paxariños nos Areeiros, Castiñeiras, segundo se especifica no proxecto técnico elaborado.

A tal efecto vaise desmontar o paso peonil actual (que será recolocado provisionalmente augas abaixo da zona de obra e será retirado definitivamente unha vez se poña en servizo a nova infraestrutura) e no seu lugar disporase un novo paso de formigón, erixido sobre pilotes, con beirarrúas en ambas marxes e varandas de protección lateral. A área de actuación ten unha lonxitude de 20 metros e un ancho de 9.
Ademais, a actual tubaxe de abastecemento da auga será desmontada e trasladada máis abaixo. En previsión da posta en funcionamento de servizos futuros, na zona de beirarrúas vanse dispoñer tubaxes para canalización de abastecemento, alumeado e comunicacións, máis outra tubaxe de reserva.
A empresa que obtivo unha mellor clasificación foi Canarga S.L. con 43,34 puntos.
O desenvolvemento da actuación comportará un investimento de 75.571 euros, IVE incluído. O prazo de execución son tres meses.




