A Xunta de Galicia, o Clúster Turismo de Galicia e a Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo, Aventura e Natureza (AGETAN) mantiveron esta semana unha xuntanza para tratar, entre outras cuestións, o réxime de protección do arquipélago dos Guidoiros, do que forma parte o illote Areoso. As tres entidades coincidiron na “idoneidade de permitir tres quendas diarias de acceso ao arquipélago”. Na reunión participaron o presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, o presidente de AGETAN, José Luis Fernández Vázquez, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo. Esta última trasladou a Pardal e Fernández Vázquez que concretará co sector os horarios de acceso co fin de “garantir o equilibrio entre a protección dos valores e o aproveitamento público deste espazo natural, que nos últimos anos vén rexistrando unha afluencia de visitantes crecente”.

A maiores, Do Campo incidiu en que “o incremento en tempada alta de 100 a 150 os visitantes diarios permitidos no Areoso segue os mesmos criterios que se aplican no acceso a outros espazos naturais, como, por exemplo, o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas”.
A directora xeral explicou que todos os cambios previstos “mellorarán a futura orde de usos e actividades, un instrumento que responde á vontade de colaboración amosada por todas as administracións e colectivos implicados co fin de impulsar a mellor regulación posible para conservar este espazo natural”. Con estas medidas, dixo, “búscase combinar o interese turístico crecente desta zona coa protección dos notables valores e recursos naturais que concentra e que, de feito, espertan tamén un grande interese desde o punto de vista científico, cultural e medioambiental”.



