O empresario Vicente Reiriz é aposta do Partido Popular en representación dos veciños e veciñas de Artes para formar parte da candidatura encabezada por Manuel Ruiz Rivas ás eleccións municipais do domingo 28 de maio.

Acompañado na mesa por Manuel Ruiz e por María Sampedro, Vicente Reiriz foi presentado este martes 28 de marzo pola noite no Centro Recreativo da dita parroquia nun concorrido acto no que o aspirante a concelleiro manifestou a súa intención de “traballar para traer melloras para a parroquia”. Fixo ademais un repaso pola actualidade municipal, aplaudindo iniciativas que se puxeron en marcha nestes últimos catro anos como as axudas da pandemia ou a creación dun polígono industrial que vai dar moitos postos de traballo: “Se nun pobo non hai industria, non hai benestar”.

Pola súa banda, Manuel Ruiz destacou que ten conseguido para Ribeira “máis de 50 millóns de euros doutras administracións para poñer en marcha o que outros chaman grandes obras, dende a comisaría e o punto de atención á infancia ata a biblioteca, o plan de turismo, as actuacións da EDUSI ou a residencia do maior, podendo deste xeito dedicar os cartos do Concello a obras de saneamento, pavimentacións e outras melloras en todas as parroquias”. Tamén cualificou a actitude da oposición de “irresponsábel”, opoñéndose aos orzamentos e “antonte impedindo que a cidade conte cun novo centro de saúde” ao rexeitar a compra da única parcela posíbel no entorno urbano, dixo.
Este é a segunda nova incorporación desvelada polo Partido Popular despois que a semana pasada se anunciara a do parataekwondista Álex Vidal, natural de Castiñeiras, candidatura que será presentada aos veciños desta parroquia nun acto previsto para este sábado ás oito da tarde na casa de cultura da localidade.




