“Se non hai conivencia é que falan o mesmo idioma” – Antón Luaces

01 Marzo 2023

Definitivamente teño que confesar que son un mal pensado.

É máis: penso mal -e polo tanto son un mal pensado- debido ás circunstancias que concorren neste caso nun dos principais sectores produtivos de Galicia: a pesca, sen a que esta Comunidade Autónoma amais de ser distinta sería inmensamente pobre.

Para min que nin a Xunta, nin o Goberno e, moito menos, a Comisión Europea queren recoñecer que, entre todas a mataron e ela soa morreu.

Imos ver: A Comisión Europea -sen querer, querendo, como dicían os pallasos da “tele”-  ven dando os pasos precisos conducentes a lle dar o finiquito á máis importante frota pesqueira da Unión Europea. Os galegos estorbamos, consumimos demasiadas axudas económicas que deberan destinarse a outros mesteres máis rendibles á economía de mercaderes que é a Comisión Europea. De feito, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (o denominado Magrama)  prima unha outra vez o despezamento de buques de pesca e mesmo a paralización da actividade destes para evitar que se desequilibre a capacidade de pesca e as posibilidades de capturas das especies obxectivo destas frotas.

O que importa é que se produza o equilibrio entre a capacidade da pesca e as posibilidade existente de capturas de especies como a pescada do norte e do sur (onde se localizan os intereses de España neste eido), a cigala e o atún roxo e os seus correspondentes plans de axuste do esforzo pesqueiro.

Ata aquí, asumible. Mais: quen estabelece estes plans?, quen sinala as medidas a tomar para esta fin?..

Axúdoche a conformar a túa frota e, unha vez acadados os primeiros resultados, aplico medidas correctoras (plans) que levan ao despezamento de barcos, aportar millóns de euros para que os armadores non resulten altamente prexudicados (os mariñeiros xa se buscarán a vida) e axustar, finalmente, a frota ao peixe que eses mesmos barcos contribuíron a manter como “stock” e para que a Comisión Europea xogue  á ruleta rusa  con TAC e cotas: para ti tanto de pescada, para este outro tanto de cigala, ao de máis aló tanto de atún roxo e despois ocupámonos do resto: sardiña, bocarte, xarda, xurelo, unha miguiña de peixe sapo e catro peixes planos como bodoques nunha peza de tea que pór como pano riba da mesa comunitaria.

Neste xogo da pataca teñen -non podía ser menos- o seu rol o Goberno español e as comunidades autónomas. Nomeadamente Galicia.

Após o reparto de TAC e cotas, ven o do diñeiro a aportar: que si 10 millóns de euros do Fondo Europeo da Pesca, que tantos outros do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e, para non ser menos,  da propia Xunta de Galicia porque o que importa é que non haxa barcos que pesquen senón peixes que non se capturan. Porque aquí, en Europa (continente do que forman parte España e, obviamente, Galicia) aínda non aprendemos a conxugar axeitadamente os verbos manter e equilibrar.

Sabemos o que é manter o equilibrio na pesca ou sempre ten que haber quen perda no reparto?. De verdade non somos quen de pescar, vivir coa pesca e que esta se manteña viva para que as seguintes xeracións de mariñeiros sigan a pescar?… Tanto se rapiña no mar, tan inconscientes son os pescadores como para non se ter dado conta de que o que hai no mar remata cando  a especie non ten capacidade de seu  para reproducirse?. Quen sabe mellor que o propio mariñeiro o que hai no mar e o que se captura (pase ou non polo libro-diario  de pesca e as lonxas)?…

Non sempre se acada o equilibrio na pesca despezando barcos. Hai veces nas que paga a pena escoitar a quen sabe de pescas e escoitar menos os murmurios ecoloxistas constituídos en “lobbis” que a nada conducen.

Abofé que isto é o que se tira da coincidencia final entre os que gobernan, os que deciden.

Se non é conivencia, moito se lle imita, carallo.  

Outros artigos

“Xuíces e autos xudiciais” – José Manuel Pena

Hai bos xuíces, profesionais e valentes que cumpren coas súas obrigas. Un deles, sen dúbida, é Borja Pérez, titular do Xulgado Número 2 de Ribeira. Dita un auto xudicial polo cal suspende o lanzamento dunha familia vulnerable de Ribeira, en aplicación do novo RDL...

+

“El papel de la mujer en Marruecos”. José Castro López

Traigo a este comentario un hecho político que invita a mirar a Marruecos desde laperspectiva del papel de la mujer en una sociedad de profundas tradiciones y arraigadascostumbres machistas bajo una “democracia controlada”, como muchos la califican.En Marruecos ganó...

+

“Non é a guerra, míster: son os feitos”. Antón Luaces

O vicepresidente de Estados Unidos de América, mr. Vance, nun arranque de sinceridade comedida, culpaba onte á guerra (ou guerras) nas que están metidos os estadounidenses, dos nefastos resultados acadados nas eleccións de medio mandado que non deixan moito marxe de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Más democracia tras las elecciones”. Alberto Barciela

“Más democracia tras las elecciones”. Alberto Barciela

La nada simple posibilidad de que las Elecciones Generales del próximo 29 de noviembre determinen una mayoría cualificada en el Congreso, lo que se pondría el consenso de al menos dos partidos en torno a un único candidato a Presidente, presupondría la oportunidad de...

“Dereito á folga” – José Manuel Pena

“Dereito á folga” – José Manuel Pena

A folga está recoñecida como un Dereito Fundamental na Constitución española, concretamente no seu artigo 28, entendendo como algo necesario para defender os intereses socioeconómicos e profesionais dos traballadores. Así mesmo o artigo 4 do propio Estatuto dos...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.