O Concello de Rianxo achegou para ser sometida a consulta pública cidadá o borrador do documento regulamentario que servirá de marco de traballo e folla de ruta á transformación tecnolóxica dos servizos públicos locais e súa interacción coa cidadanía. Estamos a falar da Ordenanza Reguladora da Administración Electrónica, cuxa versión preliminar xa pode ser consultada en liña.
O obxectivo da consulta pública é “mellorar a participación dos cidadáns no procedemento de elaboración das normas, con carácter previo á elaboración da ordenanza”, que se verá beneficiada coa opinión das persoas e das organizacións locais máis representativas potencialmente afectadas pola futura norma.

Porase o foco nos seguintes puntos: os problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma e as posíbeis solucións alternativas reguladoras e non reguladoras.
Os cidadáns, organizacións e asociacións que así o consideren poden facer chegar as súas opinións sobre os aspectos expostos na enquisa habilitada durante o prazo de 20 días a contar desde o día seguinte ao de publicación do anuncio da consulta no sitio web municipal (este 13 de marzo), mediante a súa presentación en calquera dos lugares indicados no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.



