“Pilar, a señora do Belén de Begonte” – Xulio Xiz

30 Marzo 2023

O medio século do Belén de Begonte márcanos unha distancia temporal que notamos nas forzas e nas ausencias. E dóenos a alma cando as ausencias se chaman D. José, Milagros, Teté, José Antonio, Varela ou Pilar.

Hoxe despedimos á nosa nai, a nosa irmá, a nosa filla Pilar Gómez García, que para nós era Pilar de Begonte, Pilar do Belén, que nos deixou antonte, e aínda sabendo que está no lugar perfecto, dóenos perder a súa ledicia compañeira, o seu ánimo permanente, a súa sorrinte ilusión.

Está no lugar perfecto porque xa está co seu Varela. Ai, o meu Vareliña!, suspiraba, e iluminábanselle os ollos aos que tamén asomaban as bágoas, lembrando con ledicia e con dor aquel santo varón creador do Belén, do que tanto aprendemos todos os seus numerosos amigos.

Porque Pilar, mantendo íntegros os afectos, as devocións, o agarimo, non era a mesma desde a desaparición física do seu Vareliña, e aínda sabéndose querida por todos, agarimada polos dous fillos e todos os familiares, sentía que sen Varela perdera unha das razóns de vivir… E certamente, coñecéndoa a ela, a Varela e o seu contorno familiar, todos sabíamos que a perda era irreparable. Para ela, por amor e por vida común; para todos nós, por amizade e pola vida transmitida a través do Belén.

E agora temos a triste obriga de despedir á Señora do Belén. Hai moitos anos, moitos, que Varela foi natural socio de honra do Belén, e non tantos que da nome ao “Museo José Rodríguez Varela”, Museo do Belén. Pero Pilar era a “Señora do Belén”, con todo o que o concepto significa.

Cando Varela construía figuras para o Belén, o pelo era o pelo de Pilar; cando entrabamos no Belén, ulíamos a Pilar con aquel recendo de caldo do país requentado en cada sesión do Belén que Pilar preparaba para darlle máis vida… Cando se abriu o primeiro belén en 1972, aparecen Pilar e Pilarita nunha foto que gardamos no corazón; cando en 1977 se fixo a gran ampliación e vese a Don José coa sotana chea de cal picando nunha parede, aparece Pilar dando ladrillos para a obra… Pilar, sempre a primeira no traballo, na aperta, no sorriso, na ledicia… na comprensión.

Váisenos a primeira man que mexeu o berce, a primeira en todo; parte esencial da familia que levamos construíndo medio século e coidabamos nos ía acompañar moito tempo, sen decatarnos de que esa compaña vai ser desde o alén porque Varela a chamaba acotío.

Castelao soñou unha “Alba de gloria” nun tempo feliz no que vía desfilar diante si os grandes persoeiros da historia de Galicia. No Belén imos ter tamén unha “Alba de gloria” para os nosos máis nosos, cun lugar de honra para Pilar de Begonte, “a Señora do Belén”.

(Palabras de Xulio Xiz – Vicepresidente do Belén de Begonte – na igrexa parroquial begontina o 23.03.2023)

Outros artigos

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

+

“Loita nas rúas e nos despachos” – José Manuel Pena

Bandeiras anticonstitucionais e falanxistas, cánticos franquistas, insultos e odio cara a todos aqueles que non pensan como eles, é a imaxe desagradable e vergoñosa que demostraron un grupo de mozos, algúns menores de idade, na capital de España. Algúns nos...

+

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.