No marco das celebracións do Día de Rosalía (o 23 de febreiro), o Concello de Outes impulsou unha serie de actividades que foron máis alá dos libros e das lecturas e que deixaron unha fonda pegada visíbel en determinados espazos do municipio. Un exemplo claro foi a praza de Galicia, que estreou un impresionante mural en homenaxe á poeta de Padrón.
Foi pintado por Primo Rodríguez e polo alumnado do Colexio de Outes. O remate da obra acompañouse dunha intervención artística efémera que consistiu nun tendal de camisetas personalizadas polo alumnado do colexio con poemas de Rosalía.
A última das actividades conmemorativas tivo lugar este mércores coa actuación teatral dos Quinquilláns, na que se lles achegaron aos escolares aspectos fundamentais da vida e obra da escritora galega.
Todas estas actividades formaron parte da programación realizada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Outes e contaron coa colaboración do CEIP de Outes.