O Plan Único da Deputación da Coruña suma 7,5 millóns de euros de investimentos en Boiro desde a súa creación en 2017. Un investimento histórico que permitiu financiar 55 obras que melloran os servizos e a calidade de vida da veciñanza boirense.
Os datos facilitounos o presidente, Valentín González Formoso, durante a visita que realizou recentemente ao municipio acompañado do alcalde, José Ramón Romero, a deputada Sandra González e o tenente alcalde, Luís Ruiz.
Entre as obras financiadas polo Plan Único en Boiro destacan numerosas obras de mellora da seguridade peonil, como as beirarrúas da praia da Barraña, de Cespón a Quinteiro, de Quinteiro a Ferreiros, na Avenida da Barraña o una beira sur de Esteiro; así como a urbanización das rúas Tenencia e Pesqueira, a mellora dos accesos e da eficiencia enerxética do CEIP Santa Mª do Castro e o IES Espiñeira, ou a rede de auga potable de Bealo.

Depósito municipal de vehículos
Formoso e Romero visitaron unha destas obras, o depósito municipal de vehículos, acondicionado cun investimento de 135.171 euros con cargo ao Plan Único (POS+2021). As obras que se realizaron foron de nivelado do terreo e instalación de rede de pluviais, que inclúe separador de graxas para evitar verteduras na vía pública, o pavimentado do espazo, a realización dun peche perimetral e instalación de alumeado público para garantir as mellores condicións de seguridade e custodia de vehículos.
“Con esta actuación solventamos o problema existente no Concello, xa que non se dispoñía dun espazo axeitado para a custodia de vehículos retirados cos problemas medioambientais que iso pode supoñer”, afirmou o alcalde.
Acondicionouse un espazo duns 1.100 metros cadrados, pechado e pavimentado con capacidade para uns cincuenta vehículos xa que as administracións locais teñen a obriga da custodia axeitada dos vehículo retirados mentres non se resolven os procedementos. “Trátase dunha actuación pioneira e un servizo referente na comarca xa que non hai Concellos que dispoñan dun espazo acondicionado para a adecuada custodia de vehículos retirados”, afirmou o alcalde.



