A deputada e portavoz de pesca do BNG, a pobrense Rosana Pérez, defendeu no Parlamento galego, “aprobar un plan de actuación”, nun prazo de seis meses e “acompañado de recursos da Xunta de Galiza” para renovar, paulatinamente, as embarcacións e idade da frota galega.
Tras sinalar que as actuais axudas “son insuficientes” a deputada reclamou máis recursos “porque os 500.000 euros iniciais, foron reducidos este ano a 300.000”. Ademais, criticou que para acceder a elas, entre outros requisitos o buque adquirido debe ter unha eslora inferior a 24 metros e entre 5 e 30 anos de antigüidade. Ademais, e as persoas solicitantes, deberán ter “menos de 40 anos”.
Rosana Pérez cualificou de “ridícula” a cantidade de 300 mil euros para un segmento que segundo o informe anual da Plataforma Tecnolóxica da Pesca, integra a 3.956 buques dun total de 4.232.
Estes datos, a xuízo da deputada, “confirman que o o 93,4% das embarcación teñen unha eslora inferior a 24 metros e deles, 3.640 menos de 12 metros”. E engadiu: “Coas actuais axudas a frota tardará 300 anos en obter resultados na remuda xeracional. Os 300.000 euros que lles dedican a estas axudas supoñerían entre 5 e 10 persoas beneficiarias cada ano, estimando o prezo dunha embarcación de segunda man de menos de 12 metros de eslora entre 30 e 60.000 euros”. É dicir, recalcou a deputada, “a este paso conseguiríamos renovar a frota e obter resultados na remuda xeracional dentro de máis de 300 anos”.
Por outra parte, engadiu a nacionalista, “os requisitos son excesivamente estritos e limitativos”, como impedir a compra dun barco de segunda man de menos de 5 anos ou establecer unha idade máxima de 30 anos para os buques que se poden mercar que “nun primeiro momento podería parecer unha medida para deter o envellecemento da frota pero en realidade na actualidade máis da metade da frota xa ten máis de 30 anos e 1/3 dela máis de 40”, comentou.
A deputada tamén se referiu aos impedimentos das compañías aseguradoras con consecuencias “indesexábeis” para o mariñeiros como negarase a asegurar embarcacións de certa idade.

A propia orde de axudas, lembrou, recoñece que “o sector da pesca constitúe un sector estratéxico para o desenvolvemento da nosa comunidade que ten o reto de contribuír á consecución de determinados obxectivos temáticos do Marco Estratéxico Común aproveitando ao máximo os fondos deste Marco para acadar os novos retos que se formulan e, neste senso … aproveitar todas as posibilidades que brindan estes instrumentos para acadar o obxectivo de sector competitivo, sustentábel e respectuoso co ambiente”. Porén, dixo, “aproveitar ao máximo as posibilidades e os fondos para conseguir un sector competitivo resulta unha ironía e non é posíbel se a Consellería do Mar destina 300 mil euros que limitan as axudas”.
A parlamentaria do BNG explicou que “o novo FEMPA 2021-27 marca como un dos seus obxectivos facilitar a remuda xeracional e Galiza vai recibir nese período 366 millóns de euros. Este ano xa finalizou o prazo de presentación de solicitudes, pero aprobar esta iniciativa tería efectos nas seguintes convocatorias e por iso propoñemos modificar os requisitos da orde de axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentábel para tripulantes e, sobre todo, incrementar o crédito orzamentario para, evitar que a nosa frota envelleza e desapareza”.
Entendemos, recalcou a nacionalista, que a nosa proposta é “real, razoábel e asumible pola administración” destinataria de 366 millóns de euros de fondos europeos nos próximos anos e que ademais evitaría, tal e como vén ocorrendo dende hai anos, que “quedaran fondos sen executar e que acaben tendo que ser devoltos por non utilizalos”.



