Máis dun cento de persoas desafían á choiva e participan na Andaina Solidaria a favor de Turquía e Siria do Concello de Lousame

12 Marzo 2023

Un total de 255 persoas responderon solidariamente ao chamamento realizado por Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas, voluntarias europeas que estiveron os últimos dez meses traballando en Lousame, e formalizaron a súa inscrición na Andaina Solidaria “Lousame camiña en igualdade por Turquía e Siria”, que tivo lugar esta mañá. A falta de contabilizar as achegas realizadas a través do Dorsal 0, que aínda estaba aberto na xornada de hoxe, unicamente as inscricións permitiu recadar 1.275 euros, que serán entregados á Cruz
Vermella para axudar ás persoas afectadas polos terremotos de Turquía e Siria.
Estas 255 persoas supoñen a segunda maior participación nunha andaina solidaria en Lousame, só por detrás das 382 persoas que tomaron parte na Andaina Solidaria a prol da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (Asgpoh) de decembro de 2018. Así mesmo, unhas 120 persoas tomaron a saída esta mañá dende a praza Teodomiro Hidalgo para afrontaren os 12 quilómetros da andaina, o que supón tamén un récord tanto para as andainas do 8 de marzo en Lousame (34 e 50 participantes nas dúas últimas edicións) como para as relacionadas co 25 de novembro, que non superaron nunca as 100 persoas participantes.
Un éxito de participación a pesar das malas condicións meteorolóxicas, con choiva durante os días previos á andaina e con algún que outro orballo durante o traxecto, nunha mañá bastante fría. Por iso, a camiseta solidaria preparada para conmemorar o 8 de marzo estivo sempre por riba ou por debaixo do abrigo, nunca “en lugar de”. Gran parte de responsabilidade na gran participación rexistrada hoxe téñena Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas, pois hoxe era o seu derradeiro día en Galicia, xa que mañá collerán un avión de volta á súa Turquía natal, polo que foron moitas as persoas que aproveitaron tamén para despedírense.

Agradecementos
A concelleira de Muller e Igualdade de Lousame, Silvia Agrafojo, volveu agradecer a Ezgi e Ülkü “a súa colaboración en todas as actividades que se lles propuxeron con nenos, maiores, culturais, deportivas… A gran participación que hai hoxe neste andaina é debido en gran maneira a que se fixeron querer aló por onde estiveron e que hoxe os veciños e veciñas de Lousame están a amosar o seu agradecemento con elas e o seu labor”. Canda Silvia Agrafojo tamén participaron na andaina desta mañá os concelleiros de Relacións Veciñais, José Antonio Ces Barreiro, e a concelleira de Sanidade, Yésica Fernández Míguez. A andaina estivo encabezada, como xa é habitual, polo técnico de Deportes, Germán Romero, e a técnica municipal Mayte Sobradelo, que guiaron ás persoas participantes por un percorrido circula de 12 quilómetros por unhas fermosas paisaxes fluviais. Un roteiro que partía dos muíños de Brandia e que tiña a peculiaridade de que, ademais de ser accesible a toda condición física e de idade, cada dous quilómetros daba a posibilidade de volver ao punto de partida con moita facilidade. Para iso contouse coa colaboración do voluntariado local, liderado polo técnico de Voluntariado de Lousame, José Manuel Outeiral; e os técnicos de Cultura, Eduardo Agraso e Teté Baluja. Ademais, contouse coa colaboración dun equipo da Cruz Vermella de Noia.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...