Fondo pesar este martes no seo da Real Academia Galega ao coñecerse a noticia da morte de Salvador García-Bodaño, escritor e académico. Nacido en Vigo en 1935, o autor pasou a maior parte da súa vida en Santiago de Compostela, onde faleceu aos 86 anos. Foi nesta cidade onde se deu a coñecer mentres estudaba Dereito e formou parte da xeración das Festas Minervais.
García-Bodaño foi un autor prolífico. Destacou pola súa poesía, na que Compostela sempre tiña un protagonismo esencial, con títulos como Cidade virtual ou Tempo de Compostela. Os seus versos foron traducidos ao inglés, ao italiano, ao francés, ao ruso, ao sueco, ao catalán ou ao árabe. Ademais, tamén cultivou a prosa e estivo inmerso no mundo da prensa escrita.
O académico, que ingresou na RAG en 1992, estivo desde a súa mocidade fortemente implicado en proxectos culturais e políticos a favor da democracia, mesmo durante o franquismo. Salvador García-Bodaño foi cofundador e membro directivo da primeira Asociación de Escritores en Lingua Galega, en 1980, e presidente do Ateneo de Santiago de Compostela, entre moitas outras iniciativas.




